Amosando publicacións coa etiqueta CxG. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta CxG. Amosar todas as publicacións

martes, 11 de agosto de 2015

Compromiso esixe ao goberno que resolva o asunto do cobro irregular das terrazas

Compromiso esixe ao goberno do BNG, PSOE e Riada do Tea (Podemos) que resolvan o expediente dos cobros irregulares das terrazas no mesmo prazo que lle dan aos hostaleiros para regularizar a súa situación

Compromiso por Galicia, a raíz da polémica suscitada polo prazo que da o tripartido de 48 horas aos hostaleiros para regularizar os permisos das terrazas, pregúntase porque non se da a mesma presa en resolver expedientes que levan aberto preto de dous anos sen resolver no concello e que urxen tomar medidas, como é o suposto cobro irregular das terrazas por parte dun traballador municipal, exsecretario de ACIP.

Qué pau de medir emprega o goberno municipal para priorizar nos temas do concello? É máis grave o que fan os hostaleiros ou o que fixo no seu día o empregado municipal. Traballador que segue campando as súas anchas polo concello tramitando licencias de apertura sen ningún tipo de medida cautelar, pregúntanse  os galeguistas.


No seu día o BNG e PSOE esixiron explicacións ao goberno do PP por  este asunto e pedían depurar responsabilidades. Agora que teñen a tixola polo mango non resolven este tema, manifesta Compromiso

sábado, 8 de agosto de 2015

Compromiso solicita que se modifique o proxecto de humanización de varias rúas

Compromiso por Galicia sorpréndese da incapacidade do BNG, A Riada doTea (Podemos) e PSOE que gobernan a costas da cidadanía

Os galeguistas solicítanlle ao goberno que modifique o proxecto de humanización das rúas Amado Garra e Reveriano Soutullo, porque no lugar de humanizar o que fai e encher as rúas de barreiras arquitectónicas.

O goberno do BNG, PSOE e Riada do Tea, están a levar a cabo obras nestas rúas, con tramos que carecen de ramplas que faciliten o acceso a discapacitados, anciáns e carriños, con beirarrúas moi altas e con esquinas cortantes, que poden ocasionar problemas aos vehículos, manifestan os galeguistas.


 O proxecto, herdado do anterior goberno do PP, non contemplaba accesos para discapacitados en todos os cruces e en todos os sentidos, como marcan as pautas mínimas de accesibilidade que ten que ter unha cidade minimamente organizada. Sorprende que no seu momento, responsables políticos que percibían unha adicación exclusiva non presentaran ningún tipo de alegación ao proxecto pero máis sorprendente é, si cabe, o feito de que agora gobernando nin se preocupen de modificar un proxecto con graves erros de concepción en materia de accesibilidade.


Para Compromiso é incríbel que o tripartito malgaste máis de 200.000 euros nesta obra, sen ter o tacto suficiente en humanizar eliminando barreiras arquitectónicas, polo que solicitan que o arranxen antes de finalizala.

luns, 3 de agosto de 2015

Compromiso acláralle a Troncoso que o concello ten competencia en materia de incendios

Mal comezan os da Riada do Tea (Podemos) en materia de montes cando botan balón fora cando o goberno ten competencias en materia de incendios

Compromiso tacha as declaracións de A Riada do Tea de desafortunadas porque non só a Xunta de Galicia ten obrigas en materia de lumes se non que o concello ten que cumprir a Lei de Prevención e defensa dos incendios forestais de Galicia, cousa que non fai.

Os galeguistas entenden que o descoñecemento na materia por parte do Concelleiro de Medio Rural, Manuel Troncoso, demostran a falta de coñecementos na materia do propio concelleiro.

Dende hai dous anos o goberno do PP có apoio do PSOE, actuais socios do goberno de A Riada e BNG, adicaron o seu tempo ao desmantelamento da concellería de medioambiente mediante o despedimento de traballadores e peches de departamento, abandonando á súa sorte as obrigas propias do Concello, entre elas a do cumprimento da Lei de Prevención e Defensa dos Incendios Forestais de Galicia, aclaran os galeguistas.

Compromiso manifesta que a lei obriga a que dende o Concello se cumpran as medidas correctoras que establece a dita lei en canto á xestión da vexetación e masas forestais que rodean os núcleos de poboación e vivendas illadas, así como a xestión das masas forestais dentro dos propios núcleos. Sen embargo, o Concello decidiu no mes de decembro de 2013 pechar o departamento de medio ambiente e despedir a varios peóns xardiñeiros, concello que carece ademais de persoal especializado na xestión e loita contra o lume.

Durante todo o ano 2014 e no que levamos de 2015 non se fixeron traballos de inspección, mantemento e prevención para a xestión da biomasa e da vexetación de alto porte arredor das vivendas e núcleos. Agora cun verán calamitoso nese aspecto a pouco que se manteñan as altas temperaturas. podemos atoparnos con situacións de risco para os cidadáns, dado a desleixo do goberno BNG, PSOE e Riada do Tea..


Compromiso aconséllalle ao Sr. Manolo Troncoso, que traballe , no lugar de estar preocupado en sair en tantas fotos, e que se informe de cales son as súas obrigas e deberes, que  comecen de maneira urxente os traballos para a determinación de “zonas alto risco de incendio” e redacte un Plan de Xestión e Ordenación de Prevención de Incendios Forestais para Ponteareas, ademais de dotar dos recursos necesarios para que ditos traballos podan ser levados adiante.

mércores, 18 de febreiro de 2015

Compromiso consegue paralizar a consolidación

Compromiso, na defensa do interese xeral e da transparencia nas diferentes administracións públicas, ven denunciando dende fai meses a oferta de emprego público do concello de Ponteareas por estar caducada e non respectar a igualdade de oportunidades. De feito, dende xullo de 2014 presentou diferentes escritos diante do Ministerio de Administracións Públicas, Consellería de Presidencia, Valedor do Pobo e, finalmente, diante da Fiscalía Xeral de Vigo.

Compre sinalar que todos es escritos presentados diante das diferentes administracións foron logo remitidas polo rexistro xeral tanto ao alcalde, á concelleira de persoal, á Secretaria Municipal e ao Asesor Xurídico. Pola contra, sinala Sandra Araúxo, a resposta do Concello sempre foi que “Compromiso non era parte interesada no tema e que non quedaba acreditada a quén representaba Sandra Araúxo”, no lugar de dar resposta a denuncia dos galeguistas.

Compromiso defende que a oferta de emprego pública foi publicada no ano 2008, polo que ten cumprido o tempo máximo de tres anos para a súa execución. Mentres, o goberno local asesorado polo informes do departamento de laboral cuxo responsable está incluído na sentenza de inhabilitación de José Castro, e polo asesor xurídico municipal, defenden que a oferta de emprego comeza non cando se aproba senón cando se publican as bases específicas.

Os galeguistas foron os primeiros e único partido que denunciou estes feitos  a pesares de que agora outros preténdense levar os galóns, cando non fixeron nada para impedir que esta consolidación se levase a cabo. 


Compromiso alédase da paralización da consolidación, tal e como se anunciou onte no pleno e quere mandar unha mensaxe os empregados municipais de tranquilidade, porque a partir de maio cun novo goberno ao fronte do concello velarase pola legalidade, a igualdade de oportunidades e a total transparencia nos procesos de oferta de emprego público.

mércores, 21 de xaneiro de 2015

Compromiso alerta doutro posible fraude en persoal no concello de Ponteareas

Fai unhas semanas a deputación Provincial concedeu ao concello de Ponteareas unha subvención para un contrato laboral en prácticas para un licenciado en xornalismo.

Compre lembrar que no ano 2012 o Concello de Ponteareas acordou o peche do servizo de radio e televisión municipal “Canal Tea” despedindo a  once traballadores amparándose no Plan de Axuste e na lei de estabilidade presupostaria. Cabe sinalar que dentro dos traballadores afectados polos despedimentos atopábanse dous reputados profesionais colexiados no Ilustre Colexio de Xornalistas.

Agora, dous anos despois, contrátase a unha persoa para exercer labores de xornalismo, o que pode dar lugar a que os despedimentos que foron considerados como improcedentes, agora podan ser declarados nulos, xa que os despedimentos están recorridos ao  Tribunal Supremo, e se está contratando a unha persoa para as mesmas labores, informa Compromiso.

Para os galeguistas, podemos estar falando dun fraude de lei, porque un dos despedidos estaba exercendo de gabinete de pensa en dependencias do concello, e agora contrátase a unha persoa para esas mesmas labores. E no outro caso tiveron a  pouca decencia de despedila a dous meses da xubilación.

Segundo Compromiso, a pesar de que o servizo de radio e televisión municipal era moi deficitario e prescindible, non quita para que as cousas se fagan de maneira correcta e legal e respectando a dignidade dos traballadores.


“Belén Villar vai pasar a historia de Ponteareas como a peor concelleira de persoal, incapaz de sacar adiante unha RPT, cun proceso de consolidación fraudento  e con unha xestión nefasta nas súas responsabilidades tanto de persoal como económicas”, afirman os galeguistas.