xoves, 17 de abril de 2014

Compromiso aposta pola adopción das mascotas abandonadas


O concello de Ponteareas, que dada a poboación do municipio ten a obriga de prestar o servizo de canceira e recollida de cans abandonados, leva anos facendo desleixo das súas obrigas e contrata para cada recollida a unha empresa involucrada nun famoso caso xudicial, no que presuntamente elaboraban pensos con animais mortos, informa Compromiso.

Segundo os galeguistas, o goberno do PP, no lugar de construír unha canceira, ou ben colaborar con algunha protectora para que os animais podan ser acollidos por algunha familia no lugar de sacrificalos, paga a unha empresa para que recolla os cans abandonados e os sacrifique en 48 horas. Porque dita empresa non fai ningún esforzo para dalos en adopción, e no seu lugar prefire matar os animais a poucos días de atrapalos.

A empresa factura por can atrapado, fórmula pouco fiable, pois hai que crer na profesionalidade da empresa, cando cós antecedentes que ten , é de dubidosa legalidade. O lóxico sería ter un contrato ou colaboración anual e non que se pague por captura, e sen ningún tipo de cotexo, manifesta Compromiso.

Os galeguistas apostan polo benestar animal, polo que consideran que se debe buscar outra xestión, que asegure que os cans sexan adoptados por unha familia, e non por sacrificalos. 

A gratuidade das matrículas a familias numerosas no Conservatorio se votará o día 28 de abril

O pasado día 31 de marzo de 2014 Compromiso por Galicia de Ponteareas enviou unha nota aos medios de comunicación solicitando a gratuidade da matrícula no Conservatorio Municipal aos estudantes de familias numerosas, tal e como sinala a lei na actualidade.

Ponteareas é un caso anacrónico cando de aplicar a lexislación se trata, e máxime cando a mesma implica un beneficio aos usuarios dos diferentes servizos municipais. Por iso, despois de manter diversas reunións tanto cos membros da ANPA como do profesorado do propio centro decidimos facer público o noso posicionamento en relación a este tema.

A Nota de prensa a enviamos o día 31 de marzo e se atopa colgada na páxina deste blog chamada "NOTAS DE PRENSA". A nota íntegra está na nosa conta de google drve na seguinte ligazón.

O día 1 de abril presentamos no Rexistro Xeral de Entrada do Concello de Ponteareas unha moción na que instábamos ao goberno a que se pronunciase sobre a Lei 40/2003 de protección ás familias numerosas e que aplicase dita Lei nas matrículas do Cosnervatorio Reveriano Soutullo, como se pode comprobar nesta ligazón.

Hoxe, no diario Faro de Vigo, se publica que os membros da ANPA tiveron unha reunión co goberno municipal e cos portavoces dos grupos con representación no Concello e que dita proposta, reclamada dende hai tempo pola ANPA do Conservatorio e mediante moción de CxG do 1 de abril de 2014 se levará adiante. 

Aproveitamos para felicitar a dita ANPA polo seu traballo ao respecto.

xoves, 10 de abril de 2014

A N-120 en situación de abandono polo Ministerio de Fomento

O goberno municipal  e o Ministerio de Fomento do Partido Popular non se preocupan polo mantemento da Rúa Real e da súa contorna

Compromiso quere chamar a atención sobre a situación de abandono á que están sometidas moitas das rúas do entramado urbano da vila de Ponteareas, e máis concretamente, a popularmente coñecida como “Rúa de Abaixo”,a Rúa Real, na Nacional 120.

paso de peóns na N-120


Calquera cidadán de Ponteareas, pode comprobar a diario a falta de ornato e de limpeza da que fai gala a rúa Real, con terra nas beirarrúas e nos arcenes, vexetación que sae de entre as pedras ou mesmo a fala de limpeza na contorna dos espazos nos que se ubican as illas de contenedores para a recollida de residuos, manifestan os galeguistas.

farola no cruce de Granitos

Segundo Compromiso, a estes problemas hai que engadir o desleixo  do Ministerio de Fomento  na Nacional 120, da  despreocupación da ministra Ana Pastor, porque podemos atopar farolas das que sae o cableado eléctrico, e farolas que non alumean cando é de noite e se manteñen encendidas durante o día. Calquera día podería xurdir , un problema de seguridade cidadá, por atoparse as avarías o alcance de pequenos e animais.


Por se isto non fora pouco , os pasos de peóns o seu paso da N-120 están practicamente borrados, e a estrada está chea de buracos de gran tamaño, non habendo mantemento no firme da estrada e na súa sinalización, afirman os galeguistas.


Compromiso vai presentar unha solicitude ante o Ministerio de Fomento e o concello de Ponteareas para que arranxen estes problemas na N-120, antes de que aconteza algunha desgraza.


Ponteareas, 10 de abril de 2014

martes, 8 de abril de 2014

Compromiso advirte doutro presunto desfalco no Concello de Ponteareas

Compromiso reitera a necesidade dunha auditoría nas áreas nas que estivo implicado o traballador municipal, involucrado no presunto cobro irregular das taxas das terrazas, ante os novos acontecementos que informan que houbo irregularidades na liquidación e cobro de taxas noutro departamento. xestionado por dito traballador.

Segundo fontes consultadas polos galeguistas, hai un novo informe municipal, rexistrado no concello o pasado luns, que pon en coñecemento do goberno outro presunto cobro irregular , que desta volta afecta a outra concellería e do que aínda descoñecen o importe.


É incríbel que traballadores que se apropian de cartos públicos segan traballando, cando se están despedindo indiscriminadamente a outros traballadores no concello de Ponteareas, ou cando se abren expedientes disciplinarios con castigos de suspensión de emprego e soldo por non fichar, ao negarse a entregar a súa pegada a un traballador laboral non fixo cuxo contrato é nulo de dereito segundo sentenza do TS de 2001. Cál é a vara de medir para Belen Villar, Concelleira de Facenda e Persoal, na toma de decisións, pregúntanse os galeguistas.


Para Compromiso resúltalle difícil de entender como o goberno encuberto do PP e ACIP veñen de aprobar as contas do 2012 a pasada semana sendo coñecedores de que poden estar suxeitas a irregularidades, porque non se fixo unha auditoría no concello que asegure que está todo contabilizado. A día de hoxe non se pode predicir o resultado dunha auditoría, por canto o "traballador distraído" está relacionado coa xestión e cobro de áreas como axuda a domicilio, terrazas, licenzas de apertura, Grupo Municipal e Intervención Rápida, Policía local, etc. Si antes por apropiarse presuntamente de 6000 euros o ascenderon á tramitación de licenzas de apertura, posto que ten que ser ocupado por un funcionario de carreira, agora, qué medida vai tomar o goberno", sinalan os galeguistas.

Nota de Prensa enviada aos medios o 8 de abril de 2014

luns, 7 de abril de 2014

Compromiso oponse a reforma da Lei Orgánica do Poder Xudicial

Os galeguistas presentan unha moción o pleno na que instan o goberno do Estado do Partido Popular a eliminación do anteproxecto da lei de reforma do Poder Xudicial, que desmantela o organigrama dos partidos xudiciais

O goberno de Mariano Rajoy do PP, có Ministro Alberto Ruíz Gallardón vén de aprobar no consello de Ministros do venres 4 de abril de 2014  a eliminación do partido xudicial de Ponteareas, entre outros, coa achega de xustificacións de difícil comprensión, se non é afastar e dificultar o acceso a un dereito fundamental á maioría da cidadanía, os veciños e veciñas do Condado e da Paradanta, manifestan os galeguistas.

Segundo Compromiso, a reforma da Lei Orgánica do Poder Xudicial de Gallardón e que modifica o organigrama dos partidos xudiciais e xulgados, entre outras cuestións, é un ataque máis á tutela xudicial efectiva da cidadanía e é un ataque máis a dereitos fundamentais que recoñece a Carta Magna, neste caso no artigo 24, logo do ataque que xa sufrira este dereito fundamental coa lei de taxas que dificultou o acceso á xustiza en primeira instancia e case imposibilitou a posibilidade de recurso, pola desproporción da cantidade que o afectado ten que pagar e a igualación entre os particulares e as empresas, bancos ou aseguradoras.

Foto orixinal de PonteareasVirtual.com


Para os galeguistas, esta reforma distancia a xustiza da cidadanía, encarecéndoa e dilatándoa, polo tanto, facéndoa inxusta. Agrava, tamén, os problemas actuais de retrasos nos procesos. Se ata o de agora, os xulgados xa estaban saturados, se reducimos os partidos xudiciais, e o centralizamos todo en Pontevedra,  o retraso será moito maior.

Por se non foran poucas as consecuencias directas que vai ter este anteproxecto sobre a cidadanía, tamén temos que ter en conta as afeccións indirectas, que serán graves para o pequeno comercio local e de hostalería, para as copisterías, librerías, transporte, etc, que tamén se verán afectados ao desaparecer os xulgados, alerta Compromiso.


CxG presentou hoxe unha moción o pleno para que o Concello de Ponteareas inste, ao goberno do Estado a eliminación do anteproxecto de lei da reforma da Lei Orgánica do Poder Xudicial e que se manteña o actual organigrama de partidos xudiciais e xulgados, para posibilitar o acceso á xustiza da cidadanía do Condado e da Paradanta.

sábado, 5 de abril de 2014

Carta de Xoán Bascuas a Felipe González

Xoán Báscuas, Secretario Xeral de CxG


Á atención de Felipe González Márquez.

Dende Compromiso por Galicia, partido galeguista e socialdemócrata, poñémonos en contacto con vostede na súa dupla calidade de accionista e membro do Consello de Administración de Gas Natural Fenosa e tamén como destacado militante do Partido Socialista Obrero Español (PSOE).

Como vostede deberá saber son numerosos os concellos galegos que están a vivir unha extorsión moderna por parte da empresa da que fai parte. Esta consiste na sobrefacturación de Gas Natural-Fenosa en relación ao consumo eléctrico do alumeado público, que se está a cobrar a prezo máis caro a pesar de que o consumo se fixo nas horas de tarificación máis barata, segundo o sistema de discriminación horaria. Trala pertinente denuncia por parte do alcalde do pequeno concello de Vilar de Santos (Ourense), reclamando a devolución de ata o último céntimo da sobrefacturación, a súa empresa admitiu a fraude, mais, amparándose nunha ambigua lexislación e en supostas consultas á Comisión Nacional de Enerxía, reembolsará unicamente o último ano de estafa, en lugar dos cinco correspondentes.


Aínda non temos cuantificado a contía total da estafa, Sr. González, pero a medida que van avanzando os días imos descubrindo elementos a cada paso máis indignantes, dos que unha persoa como vostede, que nun tempo presuponse que defendía a xustiza e di estar de parte dos máis débiles, non podería permanecer impasible. Falamos de millóns de euros das e dos contribuíntes, millóns de euros que nunha época de crise económica e de recortes estarían moito mellor invertidos en sanidade, educación ou servizos sociais que engrosando a conta bancaria da súa empresa, do seus conselleiros e dos seus accionistas.

Somos un partido político coas súas evidentes limitacións, pero non por iso imos deixar de facer todo o que estea da nosa man, chegando ata onde faga falta, para a defensa dos intereses da nosa veciñanza. Apelamos a vostede, quizais coa vaga esperanza de espertar o Sr. González do aburrimento que publicamente recoñeceu que lle producían as súas responsabilidades en Gas Natural Fenosa, e que teña un pouco máis de consideración cunha cidadanía que observa, con estupor, como vostede é cómplice dun roubo que está e emporcar, aínda máis, unhas institucións e unha política que precisan máis que nunca do noso compromiso.

Asinado: Xoán Bascuas
Secretario Xeral de Compromiso por Galicia



xoves, 3 de abril de 2014

Compromiso denuncia nepotismo nos despedimentos

CxG non cree que os informes dun técnico laboral cun contrato nulo de pleno dereito sexan o mellor para asesorar ao goberno e condicionar o voto nun Pleno


Hoxe o goberno encuberto do PP e ACIP, veñen de facer efectivo o despedimento de nove traballadores municipais. A eliminación destes postos de traballo son unha mala noticia, sobre todo neste momento de crise económico, onde moitas familias viven con ese único salario. E cabe destacar que estes despedimentos non é a solución para a situación económica do concello, sinala Compromiso por Galicia.

Para os galeguista, resulta contraditorio que se amortice unha praza de administrativo, praza non singularizada e de escala administrativa, cando se manteñen noutras áreas municipais facendo traballos administrativos empregados con contratos de "maquilladores", "control de emisión" ou "axudante de redactor", pertencentes á Canal Tea. Cando un electricista fai labores de administrativo no Conservatorio Municipal ou mesmo Auxiliares de Policía facendo labores de auxiliares administrativos, en alcaldía ou no propio rexistro. Iso por non falar da cónxuxe do número cinco da lista de ACiP que ocupa unha praza de "auxiliar de clínica" sen ter a titulación.

CxG, con estes argumentos, non pretende que se despida a ningún traballador, o que quere é argumentar é que os criterios polos que se decide o despedimento dun ou outro traballador non están debidamente xustificados. Así, resulñta sorprendente que se despida a un empregada de Asprodico cunha excedencia para o coidado da súa nai e que o seu posto non se amortice senón que o ocupe unha traballadora destinada nunha Ludoteca e que no seu momento foi designada polo PSOE como Coordinadora de Servizos Sociais, o cal podería tamén explicar o posicionamento do PSOE.

Por outra banda, Compromiso, advirte que  no pleno de decembro se argumentaba a amortización do servizo denominado "castelo" ao ceder a xestión do mesmo á Deputación. Agora os argumentos xa non son os mesmos, xa non consideran o castelo un servizo senón patrimonio municipal, porque logo de estar advertidos polos galeguistas de incumprir o establecido no artigo 44 do Estatuto dos Traballadores, buscan novas escusas para poder levar a cabo os despedimentos. Deixando deste modo, os traballadores nunha situación de indefensión, que de seguro o xulgado saberá ver, e considerará despido nulo, polo que recuperarán os seus postos de traballo.

Fai unha semana, Solla e Novoa anunciaban a construción dun Parque Forestal , que para mantelo precisaríamos parte do persoal municipal que vai nos despedimentos do pleno de hoxe. Pero seguro, que Belén Villar, Concelleira de Facenda, xa ten buscada a empresa que vai subcontratar para ese servizo, e que custará máis do dobre as arcas municipais. Política que ven desenvolvendo Villar dende que entrou na corporación, manifestan os galeguistas.

Segundo Compromiso, ACiP sempre “cacarexou” de ser o defensor dos empregados municipais, pero compre destacar o cambio de rumbo dos independentes. Será para pechar o expediente aberto polo presunto roubo da electricidade da empresa da muller do seu portavoz, Juan Carlos Carrera, e tamén para agochar o presunto desfalco do seu secretario local, no noxento tema do cobro de taxas das terrazas.

Compromiso tacha de lamentable a actitude do PSOE, coa súa abstención neste asunto, avalando a decisión do PP e ACIP nos despedimentos.