domingo, 1 de febreiro de 2015

Compromiso; o Conservatorio é un servizo crucial para Ponteareas

Compromiso tacha as declaracións do goberno do PP de Ponteareas de moi desafortunadas, o falar do Conservatorio como un servizo deficitario.

Compromiso non entende as partidas en cultura e educación como gastos, ao contrario, estes conceptos teñen que encadrarse dentro do capítulo de "inversións".  A cultura, o deporte, os servizos sociais, a sanidade, entre outros servizos, sempre son rentables dende o punto de vista social, e nunca se pode valorar dende o punto de vista económico.

Dende Compromiso avogamos polos servizos públicos de calidade, e pola posta en valor do Conservatorio Municipal Reveriano Soutullo, de onde o ano pasado saíron 5 rapaces logrando situarse nos primeiros nas probas de acceso ao Grado Superior. Sendo isto un orgullo e prestixio para o centro.

Ao PP debería preocuparlle a xestión do Conservatorio, e deixarse de enganar aos cidadáns. Deberían velar por levar unha boa contabilidade, non como pasou cós cursos que se cobraban por parte do equipo directivo nunha conta privada, tal e como recolle o fiscal na súa acta , e abrir un expediente sobre este tema, que é unha irregularidade administrativa grave, manifestan os galeguistas.

Tamén deberían deixarse de perseguir aos profesores, e pagarlle os  doce meses de salario, tal e como ordenan os xuíces, sentenza tras sentenza, e non pagar só dez meses.

Para un concello como Ponteareas, berce da música clásica, onde saíron grandes compositores e músicos, non podemos deixar que o Conservatorio esmoreza. , se non poñelo en valor, porque é un gran potencial cultural e que  pode revitalizar o pobo.

Ponteareas, 29 xaneiro 2015

venres, 30 de xaneiro de 2015

Santiago Sousa anima aos ponteareáns a participar na elección de candidato/a

Santiago Sousa, Secretario Local de Compromiso por Galicia, anima aos veciños e veciñas de Ponteareas a que participen no proceso de primarias para elección de candidato ou candidata ás eleccións municipais, que se celebrará o vindeiro sábado 31 de xaneiro ás 20h no restaurante Punto&Textura, na Avd. de Galicia.

Compromiso é a única forza política que elixe os seus candidatos ou candidatas nun proceso transparente e democrático, no que pode participar todo o mundo que sexa veciño ou veciña da localidade, sexa ou non afiliado ou simpatizante de Compromiso por Galicia, manifesta Sousa.

Os galeguistas apostan forte por estas municipais, porque é o momento de cambiar e dicirlle aos que levan corenta anos mandando no goberno, que Ponteareas non quere máis gobernos do PP e que xa están fartos, tanto deles como dos seus partidos satélites como ACIP.

Segundo Sousa, non podemos perder esta oportunidade, porque Ponteareas non pode permitirse catro anos máis de gobernos do Partido Popular, carentes de iniciativas e que entorpecen o crecemento económico e o benestar social do pobo e que levaron á ruina económica ao concello e teñen hipotecado o seu futuro os vindeiros vinte anos.


"Ante un goberno incapaz e inútil e unha oposición que non é quen de ser unha alternativa real compre confiar en novas ideas e persoas que xeren ilusión e confianza na cidadanía. Compromiso é ese raio de esperanza que permite ver un novo horizonte a partir do 24 de maio", recalca Santiago Sousa.

sábado, 24 de xaneiro de 2015

Compromiso critica o desleixo de Novoa en vías e obras

O goberno do PP ten totalmente abandonada o  Paseo Matutino, como a grande parte do concello de Ponteareas, vila e parroquias.

O concelleiro de vías e obras, o Sr Novoa non fai practicamente obras de mantemento, tal e como podemos comprobar no Paseo Matutino, onde rompen as baldosas das beirarrúas, e pasan meses sen arranxar

Xa  non é que non arranxen e repoñan as baldosas, é que nin sequera as retiran. Fai meses que levan apoiadas unhas baldosas ao carón dun árbore e o goberno nin se preocupa de quitar de alí, sinalan os galeguistas.



Compromiso destaca outro asunto que é a precaria iluminación, coa gravidade de que é unha rúa transitada polos rapaces que van aos institutos. A primeira hora da mañá está totalmente escuro para que eses nenos circulen con seguridade.


Os galeguistas animan o Sr. Novoa a que de un paseo pola vila e mire no estado no que está o pobo. Concelleiro que leva máis de dez ano gobernando e toda unha vida na coorporación sen que lle coñezamos ningún mérito da súa xestión.

mércores, 21 de xaneiro de 2015

Compromiso alerta doutro posible fraude en persoal no concello de Ponteareas

Fai unhas semanas a deputación Provincial concedeu ao concello de Ponteareas unha subvención para un contrato laboral en prácticas para un licenciado en xornalismo.

Compre lembrar que no ano 2012 o Concello de Ponteareas acordou o peche do servizo de radio e televisión municipal “Canal Tea” despedindo a  once traballadores amparándose no Plan de Axuste e na lei de estabilidade presupostaria. Cabe sinalar que dentro dos traballadores afectados polos despedimentos atopábanse dous reputados profesionais colexiados no Ilustre Colexio de Xornalistas.

Agora, dous anos despois, contrátase a unha persoa para exercer labores de xornalismo, o que pode dar lugar a que os despedimentos que foron considerados como improcedentes, agora podan ser declarados nulos, xa que os despedimentos están recorridos ao  Tribunal Supremo, e se está contratando a unha persoa para as mesmas labores, informa Compromiso.

Para os galeguistas, podemos estar falando dun fraude de lei, porque un dos despedidos estaba exercendo de gabinete de pensa en dependencias do concello, e agora contrátase a unha persoa para esas mesmas labores. E no outro caso tiveron a  pouca decencia de despedila a dous meses da xubilación.

Segundo Compromiso, a pesar de que o servizo de radio e televisión municipal era moi deficitario e prescindible, non quita para que as cousas se fagan de maneira correcta e legal e respectando a dignidade dos traballadores.


“Belén Villar vai pasar a historia de Ponteareas como a peor concelleira de persoal, incapaz de sacar adiante unha RPT, cun proceso de consolidación fraudento  e con unha xestión nefasta nas súas responsabilidades tanto de persoal como económicas”, afirman os galeguistas.