mércores, 6 de maio de 2015

Compromiso se compromete a cumprir a lei de prevención e defensa dos incendios forestais

Compromiso por Ponteareas leva un programa moi ambicioso en materia de defensa e protección do medioambiente e da seguridade dos cidadáns.

Salvador González Solla ademais de alcalde é o concelleiro de medioambiente, polo que é o máximo responsable de cumprir a lei e de tomar medidas para previr posibles incendios que afecten aos núcleos rurais, ás vivendas illadas dos veciños/as que teñen montes ou fincas abandonadas ao seu carón.


Xa entrados no mes de maio os galeguistas reclaman que o goberno do Partido Popular debería estar traballando en facer cumprir a lei en materia de prevención, para que os núcleos estean protexidos e non se volvan a vivir momentos tan extremos como os de o pasado mes en Ribadetea e Xinzo, porque  temos por diante a época  estival , a de risco máis elevado en materia de incendios. Isto tería que ser moi doado este ano xa que segundo reiterou o propio alcalde están a traballar con cargo a fondos da deputación máis de 25 operarios nesa materia que, en lugar de facer traballos de prevención, están a facer labores de xardiñeiros

Se percorremos o concello , xa non só no rural senón na vila, atopamos numerosas parcelas cheas de maleza o que fai perigar a seguridade cidadá aos lindantes coas mesmas. Ante a indiferencia dos responsables na materia e, sobre todo do concelleiro de seguridade e do propio alcalde, responsable tamén dos temas urbanísticos, manifesta Sandra Araúxo.


Os galeguistas se comprometen a cumprir a lei en materia de prevención de incendios e a coidar o noso medio natural, así como a aplicar una normativa local en materia de mantemento e coidado das parcelas non urbanizadas que se atopan non so no casco urbano senón nos núcleos rurais.

martes, 5 de maio de 2015

Compromiso cambiará o formato de contratación por un modelo totalmente transparente

Compromiso por Ponteareas pide explicación públicas da concelleira do Partido Popular, Marisol Valado , polo comunicado emitido nestes días onde anunciaban a contratación de 20 desempregados. E pola xestión en materia de traballo dos últimos anos, porque cabe lembrar que neste mandato se contrataron no concello a  dúas concelleiras saíntes no ano 2011

Nun momento de crise como o que estamos a sufrir, e nun concello onde hai máis de 3000 desempregados non se pode xogar con un tema tan sensible, e  as ofertas de emprego pública teñen que ser totalmente transparentes e públicas.

Para os galeguistas as ofertas de emprego deberían aparecer publicadas na web, nos medios de comunicación,  con total transparencia, para que calquera persoa interesada poda optar en igualdade de oportunidades, e non que só se enteren os amigos/as do Partido Popular.

Compromiso anuncia a través da súa candidata Sandra Arauxo que cambiara o formato caciquil do PP en materia de contratación municipal. Toda oferta se publicará na web do concello có suficiente  tempo de antelación para que os veciños /as podan anotarse.tamén se publicarán nos medios de comunicación e se trasladará ao SEPE


Os galeguistas leva no seu programa electoral que tanto nas mesas de contratación de obras e servizos como nas de persoal, facilitarase a presenza de representantes veciñais, asociacións empresariais e sindicatos, garantido ao máximo a publicidade e a limpeza do procedemento

luns, 4 de maio de 2015

Compromiso implantará un Plan Integral de accesibilidade

Compromiso por Galicia traballará a partires de maio para crear un concello sen barreiras para as persoas con problemas de mobilidade.

O Partido Popular leva 40 anos gobernando este concello sen pensar nas persoas con algunha discapacidade. Todas as obras de humanización levadas a cabo durante os últimos anos non se fixeron pensando neles. Temos exemplos claros en obras recentes como a do Xardín da Xiralda, onde os paseos os construíron con lastras rugosas e non acondicionados para discapacitados, o auditorio do conservatorio que carece de rampla, o acondicionamento da Fonte do Baratillo con bordo na beirarrúa, etc., manifesta Sandra Araúxo candidata de Compromiso.

Os galeguistas levan no seu programa de goberno o deseño de un proxecto integral de accesibilidade, onde se contemplen a retirada de barreiras arquitectónicas, a creación de ramplas, o acondicionamento de prazas de aparcamento axeitadas, a ampliación de beirarrúas, entre outras cuestións.

Ademais, este Plan Integral de Accesibilidade se completará coa implantación dun Plan Integral de Mobilidade, no que a preponderancia do peón sobre os vehículos, o incremento das humanizacións e peanalización de rúas teñen que facer da vila de Ponteareas un lugar atractivo para vivir e para gozar.


O goberno do PP dentro das poucas actividades culturais ou deportivas que organiza, ningunha delas as fai pensando en persoas con discapacidade, para que podan participar. Dende Compromiso traballaremos para organizar actividades nas que poda participar todo o mundo.

venres, 1 de maio de 2015

Compromiso alucina coa proposta urbanística de ACIP para o concello de Ponteareas

A proposta de converter a Oficina Técnica Municipal nunha Axencia de Urbanismo é como decidir si un se chama Pepe ou se chama Xosé, a cousa non ten maior importancia, sinalan os galeguistas. O verdadeiramente importante é que pretende dotala usando o persoal municipal existente, sen incrementar custes e sen facer una oferta de emprego pública.

Segundo Compromiso, resulta curiosa a proposta por canto o grupo municipal de ACiP votou a favor da amortización dunha praza de arquitecto que se atopaba vacante na plantilla municipal no pleno ordinario de decembro de 2013, e que ademais, nese mesmo pleno votou a favor de amortizar una das prazas de administrativo (laboral) que había na plantilla.

Dado que a plantilla municipal consta de un administrativo funcionario e cinco auxiliares administrativos funcionarios, intentar que con esa anémica plantilla de funcionarios se cubran as xefaturas de servizos obrigatorios que marca a lei é amosar un descoñecemento absoluto da administración pública, salvo que pretenda colocar auxiliares laborais en postos que non lle corresponden segundo os propios informes internos da Secretaria Municipal, engade Sandra Araúxo.

Xestionar un concello non é o mesmo que apañar pitos nunha granxa, e as declaración de Juan Carlos Glez. Carrera son unha mostra da incapacidade dun señor que leva 20 na corporación municipal, manifestan os galeguistas.

Para Sandra Araúxo, Ponteareas merece unha corporación a súa altura, cuns representantes públicos preparados, honrados e traballadores, que devolvan a dignidade a institución.


xoves, 30 de abril de 2015

Compromiso por Ponteareas denuncia promesas electoralistas do Partido Popular

En pasados días o Partido Popular reuniuse có colectivo de inmigrantes de Ponteareas nun local público anunciando axudas de novecentos euros en catro meses. Unha promesa electoralista , ou sexa unha compra de votos a cargo do fondo de emerxencia social aprobado polo goberno.

Xosé Henrique Gonzalez Lago candidado numero 2 de Compromiso por Galicia en Ponteareas pide explicacións públicas das promesas feitas ó colectivo de Inmigrantes.

Esta promesa, xunto con outras que está a facer o partido Popular é unha burla para os veciños e veciñas, que neste momento están sufrindo a crise económica  provocada polos políticas do PP  nas institucións, con recortes, despedimentos e reformas laborais, e é unha burla para os inmigrantes cando unha das primeiras medidas do goberno Rajoy foi eliminar o dereito á asistencia sanitaria aos inmigrantes sen papeis, segundo o partido galeguista de esquerdas, Compromiso por Galicia.

Tamén é unha burla para os parados que superan os tres mil no noso concello, que sufriron o recorte nas súas prestacións do 70% o 50% e  que agora o Partido Popular de forma caciquil redistribúe en forma de compra de votos, con todos aqueles que asumen este roll como si se tratase de algo normal cada catro anos, manifesta González Lago.

Esta proposta do PP pode crear unha confrontación có colectivo de Inmigrantes e todas aquelas persoas que en Ponteareas levan sufrindo as consecuencias da nefasta política do PP e PSOE no Estado.


Os galeguistas pídenlle a este colectivo que denuncien este tipo de prácticas ilegais xa que son constitutivas de delitos, promesas tales como esta condenaron a alcalde do Partido Popular.