mércores, 29 de xullo de 2015

Compromiso pide explicacións ao goberno local sobre a concesión do lixo

Os galeguistas denuncian que o actual goberno continúa coa dilapidación de cartos na contratación do lixo

Durante os dous últimos anos da lexislatura pasada o anterior goberno do PP recoñecía a existencia dun informe municipal no que se detallaban incumprimentos na execución do contrato por parte de FCC (concesionaria do lixo), por importe duns 350.000€. Posteriormente o goberno do PP, subcontrata unha auditoría externa por 10.000€, que taxa os incumprimentos en 200.000€ anuais.
Con todo, o goberno de Solla non adoptou ningunha medida tendente a obrigar á concesionaria a cumprir o contrato ou ben a modificalo de maneira que non se pagasen por traballos que facía o concello con persoal de seu.

O goberno actual do BNG, PSOE e Riada do Tea (Podemos) son coñecedores destas irregularidades e aínda non fixeron nada sobre este asunto, que lle custa tanto as arcas municipais, e pola contra vende a bombo e platillo unha campaña de concienciación de reciclaxe, cando un dos incumprimentos da empresa é que non fai o número de campañas que marca o contrato. Así, existe unha partida específica no contrato para realización de campañas de concienciación e sensibilización e dende a que se fixo ao asinar o contrato, hai xa nove anos, non se volvera a saber nada do tema.

Os galeguistas se preguntan se o BNG non ten pensado revisar esta concesión porque no seu día votaron a favor de concederlla a FCC, cando supuxo unha hipoteca para o municipio, porque ascende a máis dun millón de euros.

Compromiso por Galicia teme que exista algún tipo de interese do goberno municipal en manter e sacar novas privatizacións, como o que aprobaron recentemente, o 23 de xullo para privatizar o servizo de limpeza dos colexios públicos, publicada nestas datas no B.O.P. decisión totalmente contrarias as que vendían nos seus programas electorais membros deste tripartito, que se abandeiraban defensores dos servizos publicos.

Segundo compromiso urxe revisar ese contrato, e por incumprimento remucicipalizar o servizo, o que lle suporía un gran aforro para o concello e para os petos dos cidadáns.

venres, 10 de xullo de 2015

Compromiso pídelle ao goberno de Ponteareas que non só predique coa transparencia se non que a aplique

Compromiso por Galicia denuncia a falta de transparencia e de democracia por parte do goberno municipal de Ponteareas, BNG, PSOE e Riada do Tea(Podemos), ante a negativa de facilitarlle aos cidadáns documentación pública.
Os galeguistas estiveron hoxe no concello intentando ver as actas das Xuntas de Goberno, documentos que teñen que estar a disposición dos veciños e veciñas porque son públicos. O goberno negou dito acceso mentres non se fixera a solicitude por escrito e o alcalde o autorizase.
E incríbel que uns partidos que abandeiraban a transparencia e a participación cidadá lle neguen aos veciños e veciñas un dereito, sinala Sandra Araúxo.
Compromiso solicítalle ao goberno municipal que publique na web as actas dos plenos, xuntas de goberno, os decretos de alcaldía, as contas municipais (ingresos e gastos), os ingresos que percibe cada concelleiro e partido político, as ofertas de emprego e os cursos de formación
Do mesmo xeito solicitan que se faga público o acordo de goberno. Fai practicamente un mes dende a investidura e aínda se descoñece. O pobo só sabe que pactaron as subidas nas adicacións exclusivas dos concelleiros/as , asistencias a plenos e xuntas de goberno, ou a asignación por partido político.

Os galeguistas traballarán para que o novo goberno cumpra as súas promesas e faga deste concello unha administración transparente, coas paredes de cristal, onde os cidadáns podan acceder á información sen obstáculos e en igualdade de condicións.

xoves, 9 de xullo de 2015

Compromiso consegue paralizar a consolidación

Compromiso quere lembrar que leva denunciando dende fai máis dun ano , na defensa do interese xeral e da transparencia nas diferentes administracións públicas a oferta de emprego público do concello de Ponteareas por estar caducada e non respectar a igualdade de oportunidades. De feito, dende xullo de 2014 presentou diferentes escritos diante do Ministerio de Administracións Públicas, Consellería de Presidencia, Valedor do Pobo , o concello e, finalmente, diante da Fiscalía Xeral de Vigo.
Compromiso defende que a oferta de emprego pública foi publicada no ano 2008, polo que ten cumprido o tempo máximo de tres anos para a súa execución.
Os galeguistas foron os primeiros e único partido que denunciou estes feitos  a pesares de que agora outros preténdense levar os galóns, cando non fixeron nada cando estaban na oposición para impedir que esta consolidación se levase a cabo. 
Compromiso alédase da paralización da consolidación, e agora seguirá a velar pola legalidade, a igualdade de oportunidades e a total transparencia nos procesos de oferta de emprego público.

Quere lembrarlle ao goberno actual que as bases teñen que ser xustas, que se convoquen todas sen excepcións e que non se pode computar a experienza  as persoas que están na sentenza dos enchufados, xa que estes son contratos nulos.

mércores, 1 de xullo de 2015

Compromiso consegue que Industria sancione a Gas Natural con 9.500€

Compromiso por Galicia leva denunciado dende 2013 a estafa nas instalacións de Gas Natural en Ponteareas. 

A multinacional Gas Natural ofrece un servizo aos cidadáns carecendo dos permisos e autorizacións que marca a lei o que pon en perigo a  seguridade, saúde e habitabilidade dos propietarios das vivendas, incluso perxudicando o medioambiente.

Dende finais de 2013  levamos advertindo desta situación, tanto no concello, con reunións có ex-alcalde, Salvador González Solla, como na Consellería de Industria. Incluso participamos nunha xuntanza con Gas Natural, informan os galeguistas.

O pasado 18 de maio de 2015 a Consellería de Industria sanciona a Gas Natural con 9.500€ por carecer dos boletíns de industria e suministrar gas nas vivendas de FOVISA. Todo grazas as denuncias e a presión de afectados e afectadas e de Compromiso.

Os galeguistas e afectados/as se reunirán mañá xoves ás 13.30h có novo alcalde de Ponteareas (do BNG), para que resolva o expediente de obra que hai no concello sobre este mesmo tema e repoña a legalidade no edificio FOVISA.


Compromiso esixe ao novo goberno que ampare aos afectados pola estafa do Gas Natural, que se poñan do lado dos cidadáns e que non se agochen como fixeron ata o de agora na oposición, xa que nunca se pronunciaron sobre este tema cando eran coñecedores do tema.