venres, 10 de xullo de 2015

Compromiso pídelle ao goberno de Ponteareas que non só predique coa transparencia se non que a aplique

Compromiso por Galicia denuncia a falta de transparencia e de democracia por parte do goberno municipal de Ponteareas, BNG, PSOE e Riada do Tea(Podemos), ante a negativa de facilitarlle aos cidadáns documentación pública.
Os galeguistas estiveron hoxe no concello intentando ver as actas das Xuntas de Goberno, documentos que teñen que estar a disposición dos veciños e veciñas porque son públicos. O goberno negou dito acceso mentres non se fixera a solicitude por escrito e o alcalde o autorizase.
E incríbel que uns partidos que abandeiraban a transparencia e a participación cidadá lle neguen aos veciños e veciñas un dereito, sinala Sandra Araúxo.
Compromiso solicítalle ao goberno municipal que publique na web as actas dos plenos, xuntas de goberno, os decretos de alcaldía, as contas municipais (ingresos e gastos), os ingresos que percibe cada concelleiro e partido político, as ofertas de emprego e os cursos de formación
Do mesmo xeito solicitan que se faga público o acordo de goberno. Fai practicamente un mes dende a investidura e aínda se descoñece. O pobo só sabe que pactaron as subidas nas adicacións exclusivas dos concelleiros/as , asistencias a plenos e xuntas de goberno, ou a asignación por partido político.

Os galeguistas traballarán para que o novo goberno cumpra as súas promesas e faga deste concello unha administración transparente, coas paredes de cristal, onde os cidadáns podan acceder á información sen obstáculos e en igualdade de condicións.

Ningún comentario:

Publicar un comentario