venres, 30 de xaneiro de 2015

Santiago Sousa anima aos ponteareáns a participar na elección de candidato/a

Santiago Sousa, Secretario Local de Compromiso por Galicia, anima aos veciños e veciñas de Ponteareas a que participen no proceso de primarias para elección de candidato ou candidata ás eleccións municipais, que se celebrará o vindeiro sábado 31 de xaneiro ás 20h no restaurante Punto&Textura, na Avd. de Galicia.

Compromiso é a única forza política que elixe os seus candidatos ou candidatas nun proceso transparente e democrático, no que pode participar todo o mundo que sexa veciño ou veciña da localidade, sexa ou non afiliado ou simpatizante de Compromiso por Galicia, manifesta Sousa.

Os galeguistas apostan forte por estas municipais, porque é o momento de cambiar e dicirlle aos que levan corenta anos mandando no goberno, que Ponteareas non quere máis gobernos do PP e que xa están fartos, tanto deles como dos seus partidos satélites como ACIP.

Segundo Sousa, non podemos perder esta oportunidade, porque Ponteareas non pode permitirse catro anos máis de gobernos do Partido Popular, carentes de iniciativas e que entorpecen o crecemento económico e o benestar social do pobo e que levaron á ruina económica ao concello e teñen hipotecado o seu futuro os vindeiros vinte anos.


"Ante un goberno incapaz e inútil e unha oposición que non é quen de ser unha alternativa real compre confiar en novas ideas e persoas que xeren ilusión e confianza na cidadanía. Compromiso é ese raio de esperanza que permite ver un novo horizonte a partir do 24 de maio", recalca Santiago Sousa.

sábado, 24 de xaneiro de 2015

Compromiso critica o desleixo de Novoa en vías e obras

O goberno do PP ten totalmente abandonada o  Paseo Matutino, como a grande parte do concello de Ponteareas, vila e parroquias.

O concelleiro de vías e obras, o Sr Novoa non fai practicamente obras de mantemento, tal e como podemos comprobar no Paseo Matutino, onde rompen as baldosas das beirarrúas, e pasan meses sen arranxar

Xa  non é que non arranxen e repoñan as baldosas, é que nin sequera as retiran. Fai meses que levan apoiadas unhas baldosas ao carón dun árbore e o goberno nin se preocupa de quitar de alí, sinalan os galeguistas.



Compromiso destaca outro asunto que é a precaria iluminación, coa gravidade de que é unha rúa transitada polos rapaces que van aos institutos. A primeira hora da mañá está totalmente escuro para que eses nenos circulen con seguridade.


Os galeguistas animan o Sr. Novoa a que de un paseo pola vila e mire no estado no que está o pobo. Concelleiro que leva máis de dez ano gobernando e toda unha vida na coorporación sen que lle coñezamos ningún mérito da súa xestión.

mércores, 21 de xaneiro de 2015

Compromiso alerta doutro posible fraude en persoal no concello de Ponteareas

Fai unhas semanas a deputación Provincial concedeu ao concello de Ponteareas unha subvención para un contrato laboral en prácticas para un licenciado en xornalismo.

Compre lembrar que no ano 2012 o Concello de Ponteareas acordou o peche do servizo de radio e televisión municipal “Canal Tea” despedindo a  once traballadores amparándose no Plan de Axuste e na lei de estabilidade presupostaria. Cabe sinalar que dentro dos traballadores afectados polos despedimentos atopábanse dous reputados profesionais colexiados no Ilustre Colexio de Xornalistas.

Agora, dous anos despois, contrátase a unha persoa para exercer labores de xornalismo, o que pode dar lugar a que os despedimentos que foron considerados como improcedentes, agora podan ser declarados nulos, xa que os despedimentos están recorridos ao  Tribunal Supremo, e se está contratando a unha persoa para as mesmas labores, informa Compromiso.

Para os galeguistas, podemos estar falando dun fraude de lei, porque un dos despedidos estaba exercendo de gabinete de pensa en dependencias do concello, e agora contrátase a unha persoa para esas mesmas labores. E no outro caso tiveron a  pouca decencia de despedila a dous meses da xubilación.

Segundo Compromiso, a pesar de que o servizo de radio e televisión municipal era moi deficitario e prescindible, non quita para que as cousas se fagan de maneira correcta e legal e respectando a dignidade dos traballadores.


“Belén Villar vai pasar a historia de Ponteareas como a peor concelleira de persoal, incapaz de sacar adiante unha RPT, cun proceso de consolidación fraudento  e con unha xestión nefasta nas súas responsabilidades tanto de persoal como económicas”, afirman os galeguistas.

sábado, 17 de xaneiro de 2015

Compromiso destaca como unha vergonza que Solla pase a traballar no INEM sin concurso oposición

O pasado luns 5 de xaneiro o D.O.G. publicou a ORDE do 17 de decembro de 2014 pola que se inicia o procedemento de integración como persoal laboral da Xunta de Galicia do persoal laboral fixo que desenvolvía postos de xerente procedente das fundacións para o desenvolvemento das comarcas.

A maior parte das prazas de xerentes das Fundacións comarcas se publicaron no D.O.G. do 7 e 16 de xaneiro de 1998 e nas mesmas se sinalaba que o contrato era de tipo "indefinido", non fixo, informan os galeguistas.

Entre as comarcas para as que se contrataron xerentes se atopan as de Ordes, Bergantiños, Ortegal, Terra de Melide, Arzúa, Terra de Lemos, A Fonsagrada, A Ulloa, Os Ancares, Terra de Celanova, O Carballiño, Tabeirós-Terra de Montes, O Salnés, O Baixo Miño e a Paradanta, convocándose probas de selección para cubrir, baixo a modalidade de contratación indefinida, 15 prazas de xerentes para facerse cargo da xestión das ditas fundacións.

Compromiso alerta que unha das persoas beneficiadas é Salvador González Solla, que acedeu ao posto de Xerente da Fundación Comarcal de A Paradanta. “chiringuito” argallado polo expresidente Fraga.

De feito, Solla nunhas declaracións ao ABC do 18/11/2003, cando chegou a ser deputado no parlamento de Galicia  declarou que tiña que deixar a "súa praza que era un contrato de servizos".

Cando chegou Feijoo ao goberno da Xunta no ano 2009, amañaron todo e integráronos como persoal laboral da Xunta, de forma pseudofraudulenta. Posto que os contratos de servizos, salvo mediante procedemento de demanda laboral no Tribunal do Social, non derivan en indefinidos, e menos en fixos. E neste caso pasan dun “chiringuito” a un organismo oficial.
Agora noutra artimaña presuntamente pseudofraudulenta, o alcalde Solla, pode vir destinado a Oficina de Emprego de Ponteareas, que nada ten que ver co ordenamento territorial e/ou xestión do medio para o que foron contratados estes xerentes,  ocupando un posto fixo, manifestan os galeguistas.

Compromiso denuncia estes feitos por consideralos eticamente reprobables e incluso poderían rozar a ilegalidade.


"Esta situación de usurpar postos públicos por parte de membros dun partido que se di liberal e que avoga pola minimización do Estado é unha vergoña. Isto sumado á reforma laboral e á perda dos dereitos dos traballadores e especialmente dos empregados públicos é a nefasta xestión do PP dende  que Rajoy goberna no Estado", destacan os galeguistas.

PRIMARIAS ABERTAS Á VECIÑANZA DO CONCELLO DE PONTEAREAS



Con motivo da apertura do proceso de elección de candidato ou candidata no teu concello, convidámoste a participar activamente, ben participando na difusión do proceso, ben votando o día indicado a continuación, ou ben presentándote como candidato/a á alcaldía.

O proceso de PRIMARIAS en Compromiso por Galicia está dirixido a toda a veciñanza do concello, non é un proceso pechado como noutros partidos, motivo polo que cómpre que dende a túa condición de afiliado ou simpatizante, procures darlle a maior difusión posible.

As persoas que non estean nos censos de Compromiso, poden votar igualmente no proceso, cubrindo un impreso de participación que estará a disposición de todos/as no lugar e horas dispoñibles para votar.

O método de presentación de candidatura, será a través do correo nacional info@compromiso.gal en el debe constar o nome, apelidos, no de carné de identidade e indicación de presentarse as eleccións Primarias deste concello pola candidatura de CxG.

O período de presentación de candidatura e do 17 ao 24 de xaneiro os dous incluídos. O día de votación é o 31 de xaneiro.


Lugar por determinar, informarase
Hora por determinar, informarase


Recibe un saúdo comprometido da Comisión Executiva Nacional e do Secretario Local de Compromiso por Galicia de Ponteareas, Santiago Sousa.

Compromiso elixirá candidato ou candidata ás eleccións municipais o 31 de xaneiro

Compromiso por Galicia convoca a celebración de primarias en Ponteareas para elixir á súa cabeza de lista para as eleccións de 2015.
A cita é o próximo 31de xaneiro e calquera veciño/a maior de 16 anos que simpatice co ideario desta organización galeguista e que queira un cambio verdadeiro no Concello nos vindeiros anos pode participar no proceso de elección, manifesta Santiago Sousa, Secretario Local.

En canto aos candidatos/as a encabezar a lista, a proposta tamén está aberta a todos os veciños/as deste concello, sen necesidade de ser afiliados ou afiliadas, nin de avais previos. A única condición é que os aspirantes sexan maiores de 18 anos e residan en Ponteareas. Os interesados/as deberán comunicalo formalmente ao partido entre o 19 e 24 deste mesmo mes, tal e como marca o regulamento, que está publicado na páxina web  de Compromiso (http://www.compromiso.gal).


Santi Sousa,  Secretario Local desta formación, fai un chamamento aos veciños e veciñas para que participen activamente neste proceso, que cualifica de " novidoso, participativo, transparente e profundamente democrático".