martes, 13 de xaneiro de 2015

Compromiso di que xa é hora de que Belén Villar asuma a súa incompetencia en materia de persoal e facenda

Os galeguistas, unha vez máis, tachan a Belén Villar, concelleira de Facenda de incompetente, porque non foi quén de aprobar unha RPT, nin uns orzamentos en todo o mandato.

O goberno do Partido Popular non presentou ao Pleno un orzamento en todo o mandato, a pesar de contar co apoio tácito e a sumisión (dende a denuncia por presunta conexión irregular do concelleiro González Carrera á rede pública de electricidade) durante toda a lexislatura de ACIP, coa única finalidade de ter partidas infladas e poder incrementar o gasto, incumprindo os plans de axuste aprobados nos últimos anos.

Por mor da profunda crise económica que padece o Estado derivada das políticas de recortes de PSdG, incrementados de maneira brutal dende o acceso do PP ao goberno, o concello de Ponteareas ingresa moito menos que hai catro anos, cando se aprobou o último orzamento, aseguran os galeguista.

Esta redución de ingresos tería que compensarse co axuste nos gastos eliminando partidas superfluas e innecesarias e incrementando, na medida do posible, partidas tendentes a axudar aos que están a padecer de maneira máis violenta os efectos da crise: desemprego, fame, desnutrición, etc.

“O Concello mantén aos funcionarios de Ponteareas cos salarios máis baixos de España para manter a súa rede clientelar e consolidar aos enchufados de Pepe Castro", manifestan os galeguistas. Non podería ser doutra maneira dado que o PP sempre entendeu a xestión municipal como un xeito de colocar e pagar prebendas.


Villar, só se preocupou de intentar consolidar a determinados traballadores, e non de elaborar unha RPT, legal e xusta, como marca a lei. Consolidación que ten denunciado Compromiso en varias instancias, o que fixo posible que o PP non acadara de momento o seu obxectivo, que é consolidar aos enchufados.. Curiosamente un dos enchufados é o responsable da política salarial do Concello dado que  é o técnico laboral municipal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario