xoves, 30 de abril de 2015

Compromiso por Ponteareas denuncia promesas electoralistas do Partido Popular

En pasados días o Partido Popular reuniuse có colectivo de inmigrantes de Ponteareas nun local público anunciando axudas de novecentos euros en catro meses. Unha promesa electoralista , ou sexa unha compra de votos a cargo do fondo de emerxencia social aprobado polo goberno.

Xosé Henrique Gonzalez Lago candidado numero 2 de Compromiso por Galicia en Ponteareas pide explicacións públicas das promesas feitas ó colectivo de Inmigrantes.

Esta promesa, xunto con outras que está a facer o partido Popular é unha burla para os veciños e veciñas, que neste momento están sufrindo a crise económica  provocada polos políticas do PP  nas institucións, con recortes, despedimentos e reformas laborais, e é unha burla para os inmigrantes cando unha das primeiras medidas do goberno Rajoy foi eliminar o dereito á asistencia sanitaria aos inmigrantes sen papeis, segundo o partido galeguista de esquerdas, Compromiso por Galicia.

Tamén é unha burla para os parados que superan os tres mil no noso concello, que sufriron o recorte nas súas prestacións do 70% o 50% e  que agora o Partido Popular de forma caciquil redistribúe en forma de compra de votos, con todos aqueles que asumen este roll como si se tratase de algo normal cada catro anos, manifesta González Lago.

Esta proposta do PP pode crear unha confrontación có colectivo de Inmigrantes e todas aquelas persoas que en Ponteareas levan sufrindo as consecuencias da nefasta política do PP e PSOE no Estado.


Os galeguistas pídenlle a este colectivo que denuncien este tipo de prácticas ilegais xa que son constitutivas de delitos, promesas tales como esta condenaron a alcalde do Partido Popular.

luns, 27 de abril de 2015

Compromiso presenta unha candidatura plural e integradora para sacar ao concello da parálise na que se atopa

Os galeguistas son o único partido que presentan máis mulleres que homes, unha candidatura comprometida coa igualdade, na que as mulleres xogan un papel principal ocupando o 60% da equipa.

Sandra Araúxo atopase moi leda do equipo que leva para gobernar o concello de Ponteareas,  na que as mulleres ocuparán postos destacados. “Rompemos có tópico de que as mulleres non se implican en política, e demostramos que se pos interese consegues que asuman responsabilidades.

Os galeguistas fan público a candidatura conformada por Sandra Araúxo, Xosé Henrique Lago, Emma V. Gómez, Pitusa Xaneiro, Rafael Guitiérrez, Belinda Alonso, Emma S. Pérez, Santiago Sousa, Daniel López, Andrea Simón, Almudena González, Manuel Rodríguez, David Soto, Íria Zúñiga, M. Concepción Velo, Juan Carlos Carrillo, Roberto Alcántara, Sonia Fernández, M.Isabel Lareo, Miguel Andión, María Rodríguez e Herminia Carballido.

Compromiso presenta un equipo de xente preparada e cunha ampla experiencia profesional en diversos campos,  dende o asociativo con persoas vinculadas as ANPAS, sindicatos, asociacións de veciños/as, culturais, do mundo do deporte ata o ecoloxismo.
Atopamos xente moi preparada como unha licenciada en química industrial , unha bióloga mariña, mestres, unha graduada en belas artes, titulados en xestión e dirección de empresas,  unha delineante, unha auxiliar de clínica, etc.

No mundo da xestión podemos atopar dende un director dun centro educativo, ata unha empresaria do sector forestal.
Para os galeguistas o comercio e hostalaría é o motor económico do concello, polo que fan unha aposta forte por estes sectores participando na súa candidatura hostaleiros, artesáns e comerciantes.

En definita a candidatura está formada por persoas traballadores, de diversos sectores, honradas e preparadas que van ser quen de sacar a Ponteareas da situación de parálise na que se atopa, manifesta a candidata á alcaldía.


xoves, 23 de abril de 2015

Compromiso loitará por ter comedores escolares en todos os centros públicos

A pesares de que Educación é competencia da Xunta de Galicia, Compromiso traballará a partires de maio para que todos os centros públicos estean dotados de comedor escolar, xestionado directamente pola consellería e non por catering.

Xosé Henrique G. Lago, candidato número 2 na lista dos galeguistas, defende unha educación pública de calidade, e de dotar a todas as escolas de plan madruga , comedor e autobuses, que faciliten as nais e pais a conciliación familiar.

A partires do mes de maio nos reuniremos có Delegado de Educación para facerlle unha proposta de  estudio sobre a  distribución dos nenos e nenas nas escolas, co obxectivo de  mellorar os ratios nos centros educativos, porque hai centros masificados e outros case baleiros. Desta maneira melloraremos a calidade educativa tanto con servizos complementarios como no  rendemento académico dos alumnos, manifesta González Lago


Segundo os galeguistas, do mesmo xeito se procederá a esixir que por parte da Consellería de Educación se asuman as competencias que a modificación da Lei de Bases de Réxime Local en materia de mantemento de colexios, servizos de conserxería etc. dado que xa non son competencia municipal e dado que foi o propio Partido Popular que aprobou dita lei que asuma as súas consecuencias.

martes, 21 de abril de 2015

Compromiso reta a un debate público a todos os candidatos e candidatas

Compromiso por Galicia reta a todos os candidatos e candidatas a un debate público e acepta o envite do PSOE do pasado sábado.

Ante as manifestacións realizadas na presentación da candidata do PSOE de Ponteareas, por alusións e porque non soportamos as difamacións e mentiras, compre dicir que Compromiso por Galicia é unha forza política nova, con apenas dous anos de vida e que dende o comezo da súa andaina ten publicados os seus orzamentos na páxina web nacional que pode ser consultada por calquera veciño/a, cousa que non fan outros partidos; partidos dos ERES de Andalucía, das tarxetas black, de Matesa, de Filesa ou de Timesporte. Iso por non falar do uso de fondos reservados ou das condonacións da banca ás débedas de decenas de anos de campañas electorais mentres se quedan coas casas das persoas que non poden pagar as hipotecas.

Compromiso, sen cartos, sen representación no concello, e sen cobrar adicacións exclusivas,  leva facendo un traballo político serio, riguroso na defensa dos intereses dos cidadáns,  grazas o capital humano do que dispón, que de maneira altruísta, quitando tempo onde non o hai, traballan sen pedir nada a cambio. Traballan porque cren que a responsabilidade individual dun cidadán non remata no momento no que mete un voto nunha urna, a responsabilidade é diaria e os representantes públicos teñen que saber que a auditoría por parte dos veciños/as ten que ser permanente.

Estes dous anos avalan a credibilidade dos galeguistas. A loita constante contra a corrupción destapando casos como o cobro irregular das terrazas por unha persoa vinculada a ACIP, ou o dos cursos do Conservatorio, realizados por un profesor candidato do PP no 2011 no concello de Gondomar. Tamén un traballo serio presentando alegación ao PXOM, ou loitando contra as irregularidades como a consolidación de postos de traballo, paralizada pola Fiscalía de Vigo.
Sempre facendo política a pé de rúa, sen necesidade de facer alardes de grandeza alugando locais electorais na Praza Maior, sen manter una sede nun baixo ou nun piso, despilfarrando cartos. Nin chegar a extremos como o do PP, que chegaron a ser desafiuzados por non pagar o aluguer ao propietario.

Por último manifestar que por parte de Compromiso por Galicia o PSOE de Ponteareas non é un rival nin un inimigo. O rival de Compromiso son o Partido Popular e a súa segunda marca, ACiP, ademais de todos os que defenden o nepotismo o caciquismo, e promoven a desigualdade social.

Compromiso aposta pola transparencia e así o propón no seu programa electoral, con presupostos participativos, que as contas se publiquen  na web municipal, que as Xuntas de Goberno sexan públicas igual que os plenos, etc.


luns, 20 de abril de 2015

CxG, un Compromiso real coa igualdade

Os galeguistas son o único partido que presentan máis mulleres que homes, unha candidatura comprometida coa igualdade, na que as mulleres xogan un papel principal ocupando o 60% da equipa.

Sandra Araúxo atopase moi leda do equipo que leva para gobernar o concello de Ponteareas,  na que as mulleres ocuparán postos destacados. “Rompemos có tópico de que as mulleres non se implican en política, e demostramos que se pos interese consegues que asuman responsabilidades. Son mulleres que apostan por unha sociedade máis xusta na que non haxa que seguir loitando pola igualdade de xénero; mulleres que se gañaron a pulso o respecto nos diferentes campos de desenvolvemento das súas actividades.”

Compromiso leva unha candidatura de mulleres destacadas tanto a nivel profesional, asociativo como de calidade humana.

Desde unha bióloga e técnica superior en riscos laborais como é Emma V. Gómez, a Iría Zúñiga, licenciada en Bellas Artes, una auxiliar técnica de clínica, Emma S, Pérez, ou a unha prexubilada de banca, como é Pitusa Xaneiro.
Do  mundo asociativo participa a presidenta da Asociación de Veciños de Pías, Almudena González e Conchi Velo, delegada sindical da CIG

A lista que presentou Compromiso por Galicia tamén conta con persoas vinculadas ao mundo do deporte como María Isabel Lareo nai do paraolímpico José Henrique Porto Lareo e Belinda Alonso gañadora entre outros do trail popular José Teixeira, moza que tamén destaca por ser empresaria do sector forestal (única muller adicada ao sector madeireiro en Galicia).

Para os galeguistas o comercio e hostalaría é o motor económico do concello, polo que fan unha aposta forte por estes sectores participando na súa candidatura veciñas emprendedoras como Sonia Fernández que rexenta unha bocatería, e Maruja Rodríguez, panadeira artesán de pan de millo en forno de leña que rexenta un local da praza de abastos do municipio, ata Andrea Simón que traballa na actualidade de dependenta nunha froitería. E para pechar a candidatura unha nai de familia e modista, Herminia Carballido.

A aposta pola igualdade e a posta en valor da muller dentro da vida política municipal é clara en Compromiso por Galicia e traballaremos para facer una xestión municipal dende una óptica feminina dentro do Concello de Ponteareas, manifesta Sandra Araúxo, candidata de Compromiso.


sábado, 18 de abril de 2015

Compromiso ficha na súa candidatura a un grupo de exintegrantes de Esquerda Unida

Compromiso por Galicia ven de anunciar publicamente a incorporación a súa candidatura de Xose Henrique González Lago, excandidato de Esquerda Unida nas pasadas eleccións municipais.

Logo de varios días de conversas os galeguistas conseguiron incorporar ao grupo de traballo nestes comicios a un grupo numeroso de persoas que participaron en EU , entre os que se atopan Jorge Lemos integrante na ultima candidatura e  activista sindical, Amador Alonso coñecido pola súa implicación no ecoloxismo e o exresponsable de finanzas de EU Juan Carlos Carrillo que  tamen da o seu apoio a este grupo de traballo.

O exportavoz de EU mantén aberto conversas con mais xente dos círculos sindicais e asociativos, o que fai que día a día estean recibindo mais apoios  a titulo individual.

Por parte de Xose Henrique G. Lago, formará parte tamén  da candidatura, David Soto, expresidente da ANPA, exsecretario de organización de Esquerda Unida, persoa vinculada có movemento asociativo, traballadora e honrada, manifesta Sandra Araúxo, candidata á alcaldía.


Araúxo móstrase moi satisfeita por acadar o apoio destas persoas para o seu equipo, dado que son veciños moi comprometidos có pobo. A candidatura de Compromiso será plural e conformada por cidadáns de diversos sectores , defensores de listas abertas e da transparencia nas institucións.

mércores, 15 de abril de 2015

Compromiso solicita a paralización das obras do Xardín da Xiralda e do concello

As obras con fin electorais no entorno do concello e Xardíns da Xiralda están danando gravemente o patrimonio

Os galeguistas se mostran preocupados polo estado das árbores do Xardín da Xiralda porque durante a realización de acondicionamento dos xardíns se están abrindo fosas de grande dimensión, cortando as raíces das árbores o que lles pode ocasionar un dano irreparable, incluso podendo chegar a provocar a morte de especies senlleiras, de grande valor natural.

Onte a mañá Compromiso denunciou e solicitou a parilización das obras ante o SEPRONA, policía autonómica, e no concello, porque se estaban limpando con maquina a presión o edificio consistorial, elemento catalogado por Patrimonio.

Os galeguistas poñen en coñecemento da dirección Xeral de Patrimonio estes feitos, porque se está a facer por parte do Concello e da Deputación unhas obras, que afectan a elementos catalogados , empregando métodos e elementos non permitidos pola Consellería.


A restauración dos xardíns a poderíamos facer con poucos cartos, cun pouco de herba e catro plantas e uns novos columpios, e pola contra gastamos preto de 200.000 € có único fin electoral, e aínda por riba estragando o noso patrimonio, sinala Sandra Araúxo , candidata á alcaldía de Ponteareas.