sábado, 28 de marzo de 2015

Compromiso municipalizará o servizo de abastecemento de auga

Os galeguistas apostan polo rescate dos servizos privatizados polo  concello e municipalizalos para aforrar cartos e optimizar o servizo.

Sandra Araúxo , candidata de Compromiso á alcaldía de Ponteareas, destaca que unha das premisas que levan os galeguistas nestas municipais é o rescate dos servizos públicos que foron privatizados, tales como o abastecemento da auga ou mesmo a limpeza viaria e mantemento de parques e xardíns.
Os galeguistas afirman con rotundidade que o goberno do PP nos rouba na factura da auga, pois pagamos polo que non consumimos e pagamos por auga que non se potabiliza nin se depura. A taxa vixente, aprobada cós votos de PP e os seus fieis aliados; ACiP,  no lugar de premiar o aforro deste ben tan prezado e limitado. establece un consumo mínimo que case que ningún fogar do concello é capaz de gastar, aínda que se intente.

No lugar de velar por un aproveitamento sostible dos nosos recursos naturais, e polo aforro na factura dos veciños e veciñas o goberno do PP aposta por engrosar a conta de beneficios da concesionaria (VIAQUA), permitindo uns ingresos extras que supoñen uns 350.000 euros anuais, manifesta Arauxo.

Deste xeito se entende que o que antes era AQUAGEST supostamente financiara viaxes a Madrid de Solla e da súa familia en hoteis de cinco estrelas, premiando con entradas para o Santiago Bernabeu, tall e como recolle un informe de aduanas incluído na operación Pokemon.

Os galeguistas tamén apostan polo establecemento da cota básica para vivendas non habitadas e baixos comerciais sen actividade. Deste xeito non habería a  necesidade de ter que dar de baixa cando a vivenda ou o baixo quedan baleiros e logo  ter que pagar a alta, ou ben ter que pagar cada trimestre o consumo mínimo que ascende a 52 euros.
Compromiso tamén incluirá nas políticas sociais que aplicará a partir de maio e  cando o servizo estea  municipalizado, que as vivendas habitadas, con familias en desemprego e con nenos, ou cuns recursos de RISGA estean exentos de pagar o consumo realizado ou o saneamento, tendo que abonar so a cota básica que, en casos determinados incluso ao ser municipal pode facerllo fronte o concello

Compromiso denunciou fai meses a concesión deste servizo de Aquagest a Viaqua porque se permitiu o cambio de empresa concesionaria sen rescatar a mesma ou facer un concurso novo, xa que Viaqua e Aquagest son dúas empresas distintas con CIF diferentes.

En conclusión os galeguistas apostan pola municipalización do  servizo de abastecemento da auga, para que os cidadáns só paguen polo que consume, establecendo una tarifa que preme o aforro e aos veciños/as que fagan un consumo responsable.


mércores, 25 de marzo de 2015

Solla e VIAQUA te rouban todos os meses no recibo da auga


Compromiso por Galicia de Ponteareas quere denunciar o roubo trimestral que o goberno do Partido Popular que preside Salvador González Solla e agora a empresa VIAQUA (antes AQUAGEST, empresa incluida na POKEMON) fan no recibo de abastecemento e saneamento.

Ter unha tasa mínima fai que por termo medio unha familia pague 12 euros trimestrais de auga que non consume e que non se depura.

Onde van eses cartos? POis a pagar viaxes do alcalde e da súa familia e achegados a Madrid a ver partidos de fútbol no Santiago Bernabeu e a durmir en hoteis de cinco estrelas.

Compromiso por Galicia distribuirá nas vindeiras datas este folleto informativo.



Centos de hectáreas arrasadas polo lume en Ponteareas*

Onte vimos de sufrir en Ponteareas un atentado contra o noso medio natural. Arderon nas parroquias de Ribadetea, Padróns e Xinzo  máis de 500 hectáreas de monte baixo e forestal e que tardará décadas en recuperarse.

É incrible que haxa persoas que gocen vendo como se queima o noso patrimonio natural, e poñan en perigo as vidas das persoas, así como a sostinibilidade do noso planeta.

As condicións climatolóxicas adversas, de vento e tempo seco, xunto coa descoordinación dos efectivos contra incendios, pola falta de persoal humano da zona, e o descoñecemento do lugar, tal e como manifesta o presidente da comunidade de montes de Ribadetea, fixeron que o lume campara as súas anchas e avanzara sen control durante horas.

A isto hai que engadir que o Concello de Ponteareas non dispón dun corpo especializado de loita contra o lume, nin dende o punto de vista de loita directa contra o lume, nin dende o punto de vista técnico; por moito que se fagan simulacros, se gasten recursos ou se concedan subvencións o GRUMIR de Ponteareas. Dito corpo está formado por catro chóferes de camións e tres conserxes, o cal, a pesar da boa vontade e esforzo que estes traballadores lle poñen ao seu traballo diario non é suficiente na loita contra o lume que require coñecementos especializados na materia e unha preparación que, lamentablemente, non teñen estes traballadores. A culpa non é deles, a culpa é de quen pon en perigo as súas vidas e a dos veciños/as, mantendo un corpo en precario en vez de apostar por un corpo profesionalizado con funcionarios especialistas na materia e ben preparados.

Durante o día de onte vivimos horas de angustia porque o lume estivo preto das casas en San Pedro e en Mouro, así como en Cillarga ou Parada e Rocha. Esta angustia é a consecuencia directa das políticas de austeridade e de despedimentos levada a cabo polo concello de Ponteareas. Dende hai dous anos o goberno municipal non fai cumprir a normativa en materia de prevención nas parcelas lindantes aos núcleos de poboación, nin nas parcelas lindantes coas vivendas illadas, que abundan no noso territorio, construídas en moitos casos coa conivencia do gobernos do PP, sobre terreo rústico.

Se a ao desmantelamento da área de medio ambiente do Concello, engadimos os recortes que en materia de persoal fixo a Xunta de Galicia na loita e na prevención contra incendios forestais, atopámonos coa situación de extrema gravidade que vivimos.


Compre lembrar que Salvador González, por parte de alcalde é o concelleiro de medioambiente, o responsable de facer cumprir a lei en materia de prevención, para que os núcleos estean protexidos para que non volvan a acontecer momentos tan extremos como os de onte, e cando  temos por diante a época  estival , a de risco máis elevado en materia de incendios.


*Carta de Sandra Araúxo, candidata de Compromiso por Galicia á alcaldía de Ponteareas

luns, 23 de marzo de 2015

Compromiso que se fiscalice a xestión do Conservatorio

Os galeguistas manifestan que o goberno bota balóns fora  na denuncia de Compromiso sobre os presuntos cobros irregulares e cárgalle a pelota a tesoureira tal e como fixo no cobro irregular das terrazas.

En novembro de 2014 Compromiso pon en coñecemento do concello a acta do fiscal onde manifesta que queda probado os cobros de cursos do conservatorio nunha conta particular. O goberno do PP bota balóns fora e no lugar de abrir un expediente de investigación, cárgalle a responsabilidade a tesoureira municipal, tal e como fixera cos cobros irregulares das terrazas, informan os galeguistas.

Segundo Compromiso, o concelleiro de educación, Andrés Sampedro, fai un total desleixo de funcións. Non hai nada máis que ver as últimas decisións do equipo directivo onde se poñen de manifesto unha vez mais a falta de información e transparencia na xestión do Conservatorio Municipal. Os horarios dos profesores se mantiveron ocultos ata o  6 de marzo, seis meses despois de comezar o curso escolar, subindo as xornadas e baixado a profesores de maneira clientelar e de amiguismo e non polas necesidades do centro, cun trato discriminatorio e  de persecución a mestres críticos coa xestión do centro. 

Os galeguistas teñen coñecemento de que un membro do equipo directivo está supostamente sendo investigado por un asunto gravísimo, moi sensible. De confirmarse este tema debería dimitir en pleno todo o goberno e e dirección do centro por non ter tomado medidas cautelares.


Compromiso solicita que o goberno exerza as súas funcións e fiscalice a xestión, no que ano tras ano se perde alumnado pola falta de promoción do centro. O Conservatorio é imprescindible para un concello como Ponteareas, berce da música clásica a nivel estatal, polo que non podemos permitirnos que esmoreza pouco a pouco polo desleixo do Partido Popular.

domingo, 22 de marzo de 2015

Compromiso denuncia o estado de abandono do paseo do tramo San Roque a Moscadeira

O goberno do Partido Popular fai obras con fins electorais, e logo non fai o mantemento das mesmas, tal e como acontece no paseo de San Roque a Moscadeira, totalmente abandonado e deteriorado, con tramos totalmente destruídos, e perigosos para o transito dos veciños e veciñas.


“Solla, no único que pensa é en inaugurar as véspera das eleccións municipais, como se vai facer có xardín da Xiralda. Xardín que colleu en bo estado cando entrou a gobernar e que nunca máis arranxou ata o de agora que se achegan os comicios  once anos despois. Outro exemplo de abandono e o parque de San Roque e o seu entorno”, comenta a galeguista.


Sandra Araúxo, candidata de Compromiso critica a mala xestións dos cartos públicos por parte do goberno municipal, que estraga miles e miles de euros, para que en poucos anos non queden nada desas obras, por falta de mantemento.


Os veciños/as de Fontenla hoxe mesmo denuncian o estado de abandono do parque infantil polo mesmo motivo, porque non se fai o mantemento, o que impide que os nenos e nenas podan gozar deste lugar e cunha fochanca que parece un pozo de auga, perigosísimo para calquera cidadán que se arrime o lugar. O goberno é coñecedor do asunto e o único que fixo foi por unha cinta de plástico sinalizando , o que non impide que caia ninguén no burato, manifesta Araúxo.