mércores, 25 de marzo de 2015

Centos de hectáreas arrasadas polo lume en Ponteareas*

Onte vimos de sufrir en Ponteareas un atentado contra o noso medio natural. Arderon nas parroquias de Ribadetea, Padróns e Xinzo  máis de 500 hectáreas de monte baixo e forestal e que tardará décadas en recuperarse.

É incrible que haxa persoas que gocen vendo como se queima o noso patrimonio natural, e poñan en perigo as vidas das persoas, así como a sostinibilidade do noso planeta.

As condicións climatolóxicas adversas, de vento e tempo seco, xunto coa descoordinación dos efectivos contra incendios, pola falta de persoal humano da zona, e o descoñecemento do lugar, tal e como manifesta o presidente da comunidade de montes de Ribadetea, fixeron que o lume campara as súas anchas e avanzara sen control durante horas.

A isto hai que engadir que o Concello de Ponteareas non dispón dun corpo especializado de loita contra o lume, nin dende o punto de vista de loita directa contra o lume, nin dende o punto de vista técnico; por moito que se fagan simulacros, se gasten recursos ou se concedan subvencións o GRUMIR de Ponteareas. Dito corpo está formado por catro chóferes de camións e tres conserxes, o cal, a pesar da boa vontade e esforzo que estes traballadores lle poñen ao seu traballo diario non é suficiente na loita contra o lume que require coñecementos especializados na materia e unha preparación que, lamentablemente, non teñen estes traballadores. A culpa non é deles, a culpa é de quen pon en perigo as súas vidas e a dos veciños/as, mantendo un corpo en precario en vez de apostar por un corpo profesionalizado con funcionarios especialistas na materia e ben preparados.

Durante o día de onte vivimos horas de angustia porque o lume estivo preto das casas en San Pedro e en Mouro, así como en Cillarga ou Parada e Rocha. Esta angustia é a consecuencia directa das políticas de austeridade e de despedimentos levada a cabo polo concello de Ponteareas. Dende hai dous anos o goberno municipal non fai cumprir a normativa en materia de prevención nas parcelas lindantes aos núcleos de poboación, nin nas parcelas lindantes coas vivendas illadas, que abundan no noso territorio, construídas en moitos casos coa conivencia do gobernos do PP, sobre terreo rústico.

Se a ao desmantelamento da área de medio ambiente do Concello, engadimos os recortes que en materia de persoal fixo a Xunta de Galicia na loita e na prevención contra incendios forestais, atopámonos coa situación de extrema gravidade que vivimos.


Compre lembrar que Salvador González, por parte de alcalde é o concelleiro de medioambiente, o responsable de facer cumprir a lei en materia de prevención, para que os núcleos estean protexidos para que non volvan a acontecer momentos tan extremos como os de onte, e cando  temos por diante a época  estival , a de risco máis elevado en materia de incendios.


*Carta de Sandra Araúxo, candidata de Compromiso por Galicia á alcaldía de Ponteareas

Ningún comentario:

Publicar un comentario