venres, 6 de marzo de 2015

Compromiso por Galicia apoia as reclamacións dos funcionarios do Concello de Ponteareas

A candidata Sandra Araúxo propón a aprobación da R.P.T. de funcionarios, facer un proceso de promoción interna e incrementar o número de administrativos e auxiliares.


A candidata de Compromiso por Galicia á alcaldía de Ponteareas sinalou que o número de funcionarios no Concello de Ponteareas soportou unha merma nos últimos dez anos, sendo o corpo da Policía Local o único que ofertou algunha praza para adaptarse ao que sinala a lei e que obrigaba o incremento da poboación. "De non cubrir as prazas e seguir coa política de amortizar as prazas conforme se xubilan os seus titulares, en apenas dous anos o Concello so terá un administrativo e catro auxiliares administrativos para atender as diferentes unidades administrativas municipais”, sinala Sandra Araúxo.

Todo isto se agrava porque, como sinalou a propia secretaria Municipal do ano 2010, "este tipo de prazas teñen que ser cubertas obrigatoriamente por funcionarios de carreira, e non por traballadores laborais”. Ademais cando  o proceso de consolidación destas prazas como laborais non ofrece garantía xurídica e nestes intres está paralizado e sendo investigada pola Fiscalía", sinala a candidata dos galeguistas.


Por este motivo, Compromiso por Galicia entende que Ponteareas precisa incrementar o número de funcionarios. Polo que manterá o número da prazas de administrativos actuais e as incrementará en cinco novos efectivos para cubrir as áreas de obrigado cumprimento pola LBRL. Para cubrilas promoverá en primeiro lugar un “proceso de promoción interna” co fin de que os actuais auxiliares administrativos teñen a oportunidade de promocionar profesionalmente .O resto das prazas de administrativo se cubrirían por medio dunha oferta de emprego libre e pública. Do mesmo xeito se procedería a un incremento das prazas de auxiliares administrativos dentro dun proceso de Oferta de Emprego Público e ao incremento nun 10% da plantilla da Policía Local.

Nos primeiros cen días de goberno, Compromiso por Galicia aposta pola aprobación inicial da Relación de Postos de Traballo para persoal funcionario e Laboral Fixo do Concello de Ponteareas, e para asumir o incremento da masa salarial abordará con carácter inmediato a cesión dos servizos da Residencia Santa Ana e Escola Infantil Municipal á Xunta de Galicia, tal e como obriga a lei de Bases de Réxime Local, modificada polo goberno do Estado do PP  a finais de 2013, e que sinalaba claramente que ditos servizos terían que ser xestionados polas administracións autonómicas. A Xunta tería que facerse cargo, tamén dos gastos dos centros escolares de Ponteareas, especialmente no tema do persoal con categoría de conserxe, que o Concello non ten que asumir en base a esa mesma modificación da LBRL.


Compromiso por Galicia recuperará a tramitación, xestión e cobro de tributos que o Concello de Ponteareas deixou en mans do ORAL, xerando un aforro importante, dado que hai que lembrar que este organismo da Deputación cobra un 10% do total dos tributos municipais que xestiona. Con eses cartos ben se poden actualizar os salarios dos empregados municipais, conxelados desde tempos dos Castros, agás no caso dalgúns beneficiados, e ao mesmo tempo aforrar cartos á administración, rematou Araúxo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario