venres, 30 de xaneiro de 2015

Santiago Sousa anima aos ponteareáns a participar na elección de candidato/a

Santiago Sousa, Secretario Local de Compromiso por Galicia, anima aos veciños e veciñas de Ponteareas a que participen no proceso de primarias para elección de candidato ou candidata ás eleccións municipais, que se celebrará o vindeiro sábado 31 de xaneiro ás 20h no restaurante Punto&Textura, na Avd. de Galicia.

Compromiso é a única forza política que elixe os seus candidatos ou candidatas nun proceso transparente e democrático, no que pode participar todo o mundo que sexa veciño ou veciña da localidade, sexa ou non afiliado ou simpatizante de Compromiso por Galicia, manifesta Sousa.

Os galeguistas apostan forte por estas municipais, porque é o momento de cambiar e dicirlle aos que levan corenta anos mandando no goberno, que Ponteareas non quere máis gobernos do PP e que xa están fartos, tanto deles como dos seus partidos satélites como ACIP.

Segundo Sousa, non podemos perder esta oportunidade, porque Ponteareas non pode permitirse catro anos máis de gobernos do Partido Popular, carentes de iniciativas e que entorpecen o crecemento económico e o benestar social do pobo e que levaron á ruina económica ao concello e teñen hipotecado o seu futuro os vindeiros vinte anos.


"Ante un goberno incapaz e inútil e unha oposición que non é quen de ser unha alternativa real compre confiar en novas ideas e persoas que xeren ilusión e confianza na cidadanía. Compromiso é ese raio de esperanza que permite ver un novo horizonte a partir do 24 de maio", recalca Santiago Sousa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario