sábado, 5 de abril de 2014

Carta de Xoán Bascuas a Felipe González

Xoán Báscuas, Secretario Xeral de CxG


Á atención de Felipe González Márquez.

Dende Compromiso por Galicia, partido galeguista e socialdemócrata, poñémonos en contacto con vostede na súa dupla calidade de accionista e membro do Consello de Administración de Gas Natural Fenosa e tamén como destacado militante do Partido Socialista Obrero Español (PSOE).

Como vostede deberá saber son numerosos os concellos galegos que están a vivir unha extorsión moderna por parte da empresa da que fai parte. Esta consiste na sobrefacturación de Gas Natural-Fenosa en relación ao consumo eléctrico do alumeado público, que se está a cobrar a prezo máis caro a pesar de que o consumo se fixo nas horas de tarificación máis barata, segundo o sistema de discriminación horaria. Trala pertinente denuncia por parte do alcalde do pequeno concello de Vilar de Santos (Ourense), reclamando a devolución de ata o último céntimo da sobrefacturación, a súa empresa admitiu a fraude, mais, amparándose nunha ambigua lexislación e en supostas consultas á Comisión Nacional de Enerxía, reembolsará unicamente o último ano de estafa, en lugar dos cinco correspondentes.


Aínda non temos cuantificado a contía total da estafa, Sr. González, pero a medida que van avanzando os días imos descubrindo elementos a cada paso máis indignantes, dos que unha persoa como vostede, que nun tempo presuponse que defendía a xustiza e di estar de parte dos máis débiles, non podería permanecer impasible. Falamos de millóns de euros das e dos contribuíntes, millóns de euros que nunha época de crise económica e de recortes estarían moito mellor invertidos en sanidade, educación ou servizos sociais que engrosando a conta bancaria da súa empresa, do seus conselleiros e dos seus accionistas.

Somos un partido político coas súas evidentes limitacións, pero non por iso imos deixar de facer todo o que estea da nosa man, chegando ata onde faga falta, para a defensa dos intereses da nosa veciñanza. Apelamos a vostede, quizais coa vaga esperanza de espertar o Sr. González do aburrimento que publicamente recoñeceu que lle producían as súas responsabilidades en Gas Natural Fenosa, e que teña un pouco máis de consideración cunha cidadanía que observa, con estupor, como vostede é cómplice dun roubo que está e emporcar, aínda máis, unhas institucións e unha política que precisan máis que nunca do noso compromiso.

Asinado: Xoán Bascuas
Secretario Xeral de Compromiso por Galicia



Ningún comentario:

Publicar un comentario