luns, 7 de abril de 2014

Compromiso oponse a reforma da Lei Orgánica do Poder Xudicial

Os galeguistas presentan unha moción o pleno na que instan o goberno do Estado do Partido Popular a eliminación do anteproxecto da lei de reforma do Poder Xudicial, que desmantela o organigrama dos partidos xudiciais

O goberno de Mariano Rajoy do PP, có Ministro Alberto Ruíz Gallardón vén de aprobar no consello de Ministros do venres 4 de abril de 2014  a eliminación do partido xudicial de Ponteareas, entre outros, coa achega de xustificacións de difícil comprensión, se non é afastar e dificultar o acceso a un dereito fundamental á maioría da cidadanía, os veciños e veciñas do Condado e da Paradanta, manifestan os galeguistas.

Segundo Compromiso, a reforma da Lei Orgánica do Poder Xudicial de Gallardón e que modifica o organigrama dos partidos xudiciais e xulgados, entre outras cuestións, é un ataque máis á tutela xudicial efectiva da cidadanía e é un ataque máis a dereitos fundamentais que recoñece a Carta Magna, neste caso no artigo 24, logo do ataque que xa sufrira este dereito fundamental coa lei de taxas que dificultou o acceso á xustiza en primeira instancia e case imposibilitou a posibilidade de recurso, pola desproporción da cantidade que o afectado ten que pagar e a igualación entre os particulares e as empresas, bancos ou aseguradoras.

Foto orixinal de PonteareasVirtual.com


Para os galeguistas, esta reforma distancia a xustiza da cidadanía, encarecéndoa e dilatándoa, polo tanto, facéndoa inxusta. Agrava, tamén, os problemas actuais de retrasos nos procesos. Se ata o de agora, os xulgados xa estaban saturados, se reducimos os partidos xudiciais, e o centralizamos todo en Pontevedra,  o retraso será moito maior.

Por se non foran poucas as consecuencias directas que vai ter este anteproxecto sobre a cidadanía, tamén temos que ter en conta as afeccións indirectas, que serán graves para o pequeno comercio local e de hostalería, para as copisterías, librerías, transporte, etc, que tamén se verán afectados ao desaparecer os xulgados, alerta Compromiso.


CxG presentou hoxe unha moción o pleno para que o Concello de Ponteareas inste, ao goberno do Estado a eliminación do anteproxecto de lei da reforma da Lei Orgánica do Poder Xudicial e que se manteña o actual organigrama de partidos xudiciais e xulgados, para posibilitar o acceso á xustiza da cidadanía do Condado e da Paradanta.

Ningún comentario:

Publicar un comentario