martes, 16 de setembro de 2014

O PP pon en perigo aos cidadáns có seu desleixo no mantemento da N-120

O goberno municipal  e o Ministerio de Fomento do Partido Popular son uns irresponsables ao xogar coa seguridade dos veciños e veciñas

Compromiso alertaba no mes de abril ao concello e ao ministerio de Fomento sobre o perigo que se atopaba a “Rúa de Abaixo”, actual Rúa Real, na Nacional 120, coas farolas do alumeado público en mal estado. Daquela os galeguistas presentaran sendos escritos dirixidos ao goberno municipal e ao Ministerio de Fomento, encargado do mantemento da vía, solicitando o arranxo dos desperfectos da rúa , entre os que se atopaban as farolas.



Para os galeguistas, é incríbel o desleixo do Ministerio de Fomento, e da despreocupación da ministra Ana Pastor, sendo coñecedores do estado ruinoso no que se atopan as farolas, có cabreado eléctrico ao aire e solto, sen caixas de protección, todas rotas. Calquera día podería xurdir un problema de seguridade cidadá, por atoparse as avarías o alcance de pequenos e animais, tal e como que aconteceu nos pasados días en Santiago de Compostela, onde faleceu unha nena.

Pasados xa cinco meses desde que Compromiso solicitara ao Ministerio de Fomento e ao concello de Ponteareas que arranxaran estes problemas na N-120,  a día de hoxe, xa non é que non o reparasen, se non que están en peores condicións. O único que fixo o PP no seu día, foi mentir na prensa dicindo que todo quedaría arranxado para o Corpus. Dado que a festividade do Corpus Christi é de carácter anual ,o que se preguntan os galeguistas é “ a qué ano se refería Solla cando dixo que o problema quedaría solucionado polo Corpus”.


Despois do lamentable accidente que lle custou a vida a unha rapaza en Compostela,  agardemos que non suceda nada parecido en Ponteareas, porque desta "a escusa de que non se sabía nada, non poderá utilizarse para disimular a incompetencia, desleixo e desidia dun goberno inútil,  desentendido das necesidades dos veciños e veciñas", engaden os galeguistas.

Ponteareas  16 setembro de 2014

Ningún comentario:

Publicar un comentario