venres, 1 de maio de 2015

Compromiso alucina coa proposta urbanística de ACIP para o concello de Ponteareas

A proposta de converter a Oficina Técnica Municipal nunha Axencia de Urbanismo é como decidir si un se chama Pepe ou se chama Xosé, a cousa non ten maior importancia, sinalan os galeguistas. O verdadeiramente importante é que pretende dotala usando o persoal municipal existente, sen incrementar custes e sen facer una oferta de emprego pública.

Segundo Compromiso, resulta curiosa a proposta por canto o grupo municipal de ACiP votou a favor da amortización dunha praza de arquitecto que se atopaba vacante na plantilla municipal no pleno ordinario de decembro de 2013, e que ademais, nese mesmo pleno votou a favor de amortizar una das prazas de administrativo (laboral) que había na plantilla.

Dado que a plantilla municipal consta de un administrativo funcionario e cinco auxiliares administrativos funcionarios, intentar que con esa anémica plantilla de funcionarios se cubran as xefaturas de servizos obrigatorios que marca a lei é amosar un descoñecemento absoluto da administración pública, salvo que pretenda colocar auxiliares laborais en postos que non lle corresponden segundo os propios informes internos da Secretaria Municipal, engade Sandra Araúxo.

Xestionar un concello non é o mesmo que apañar pitos nunha granxa, e as declaración de Juan Carlos Glez. Carrera son unha mostra da incapacidade dun señor que leva 20 na corporación municipal, manifestan os galeguistas.

Para Sandra Araúxo, Ponteareas merece unha corporación a súa altura, cuns representantes públicos preparados, honrados e traballadores, que devolvan a dignidade a institución.


Ningún comentario:

Publicar un comentario