venres, 21 de marzo de 2014

Compromiso solicita que se pronuncie o pleno sobre o cambio da empresa AQUAGEST por VIAQUA





O Concello de Ponteareas segue cometendo irregularidade tras irregularidade no contrato da concesión da xestión do suministro e da depuración da auga en Ponteareas. Tal e como consta nun informe de secretaría é de dubidosa legalidade a concesión da xestión da auga a Aquagest, que data dos anos 90, xa que non consta ningún proceso de concorrencia pública senón unha adxudicación dixital logo dunha negociación entre o entón alcalde, José Castro, e o xerente de Aquagest. Logo houbo ampliacións de contrato para a EDAR, finais no ano 1996 e no 2013 a xestión da ETAP, tamén de maneira pouco clara, informa Compromiso.

Dun contrato sen concurso público, Aquagest conseguiu en menos de vinte anos un megacontrato, máis ben, unha lotaría de negocio, que non lle obriga a nada, porque todo o que factura son beneficios, posto que todo gasto posible o factura ao concello que é quen paga.

Agora logo de que AQUAGEST, estea salpicado nos casos de corrupción Pokemon e Patos, unha nova empresa comeza a facturar os veciños dende o mes de decembro. Dita empresa aparece con distinto NIF, VIAQUA, polo que se trata de dúas empresas distintas, sinalan os galeguistas.

A empresa Viaqua comunicou ao concello que absorbera á empresa Aquagest, pero este escrito carece de valor se non o ratifica o pleno municipal, órgano competente. “Agora entendemos as presas e o agochamento da negociación da privatización da ETAP ”, sinalan os galeguistas.

Compromiso, pregúntase porque o goberno do PP, non leva a pleno este asunto. Será porque teñen medo a que os informes sexan negativos? Partindo dunha concesión a dedo agora agochan estes feitos para evitar ter que rescatar dito contrato e xestionalo de xeito municipalizado?. Se o servizo o volvera levar o concello seguro que os veciños sairían gañando porque se abaratarían custes.

Os galeguistas instan ao pleno, o PP, PSOE, ACIP e BNG, a que se pronuncien no pleno sobre este contrato.

Ponteareas, 21 de marzo de 2014