venres, 28 de marzo de 2014

Xoán Bascuas: Feijóo quere condenar a Galicia á fame

O Secretario Xeral de Compromiso por Galicia, Xoán Bascuas, vén de manifestar hoxe a súa preocupación pola datos de investimento en I+D+i que se veñen de publicar nun informe da EAE Business School das distintas comunidades autónomas españolas. Segundo o líder galeguista, Galicia, logo do retroceso experimentado nos últimos 5 anos, inviste menos do 1% do PIB en I+D+i, “estando entre as comunidades que menos inviste nunha das actividades esencias para mudar o modelo produtivo e saír da crise”.


Xoán Bascuas entende que este tipo de política de Feijóo é “suicida”, xa que deixa ao país sen unha política estratéxica en materia de innovación, ao contrario de comunidades como País Basco, Navarra ou Catalunya, que se atopan entre os territorios onde a aposta na I+D+i é maior. O máximo dirixente de Compromiso cre que Feijóo, “quere condenar a Galicia á fame”, xa que é con este tipo de proxectos, “a forma na que as sociedades avanzadas progresan e saen adiante”. De xeito específico, Bascuas indica que os recortes foron particularmente duros no referido aos proxectos de I+D+i no ámbito universitario, o que provocou e segue a provocar “unha descapitalización das universidades galegas na medida en que os investigadores mozos se ven na obriga de marchar cara outros países”.

O líder galeguista, contrapón a política de inversión de Feijóo neste ámbito con outros países europeos con maior inversión, como Finlandia, Suecia e Dinamarca, con ratios do 3,55%, do 3,41% e do 2,99% respectivamente, “e que dende Compromiso por Galicia temos como referencia neste tipo de políticas”.


Ningún comentario:

Publicar un comentario