luns, 24 de marzo de 2014

Unha distracción indebida no concello de Ponteareas a mans dun traballador municipal vinculado o PP e ACIP

O pasado mes de decembro Compromiso por Galicia de Ponteareas fixo público a irregularidade cometida por parte dun traballador do Concello de Ponteareas, exsecretario local do grupo independente ACIP, vinte anos colaborador do PP e sobriño dun alto cargo do Partido Popular de Ponteareas.

O sorprendente do asunto foi que, sendo o goberno municipal coñecedor dos feitos no mes de setembro, meses antes de facelo público nos medios de comunicación Compromiso por Galicia, estes non actuaron ata que o asunto practicamente estaba en mans da xustiza.
O empregado municipal, que desempeñaba labores no departamento de tesourería do municipio e levaba a tramitación dos expedientes de cobro da taxa das terrazas dos locais de hostalería, enganou a estes empresarios comunicándolle que podían facer os pagos en man, no lugar de liquidalos na conta bancaria habilitada para estes asuntos.
Dado que o implicado no cobro irregular era unha persoa moi coñecida no pobo, acadou a confianza dos empresarios. Estes se fiaron, e abonaron o importe desas taxas das terrazas en man. O tema salta a palestra cando o concello require por vía de prema os cartos deste imposto, por non pagamento aos donos dos negocios. Porque os ingresos non aparecían na contabilidade municipal.
Ante esta situación os afectados fan entrega en tesourería dos xustificantes de pago asinados polo traballador e selados cun selo municipal.

Nestes intres o goberno debería comezar un expediente de investigación, cousa que non fixo, coa única finalidade de agochar, e protexer ao exsecretario local de ACIP.  E Así poder manter o PP e os independentes, un pacto tácito que teñen para sacar adiante iniciativas como o PXOM, o plan de axuste e o despedimento de empregados municipais a modo de purga.

Compromiso, no mes de decembro de 2013, descubre estes feitos nos medios de comunicación. Aínda así, o goberno segue sen tomar medidas preventivas, nin abrir expediente contra o traballador, e pola contra o premia destinando ao mesmo, ao departamento municipal no que se tramitan os expedientes de apertura de licencias.

Ante a despreocupación e pasividade do goberno, de Belén Villar, concelleira de Facenda e Persoal e do Alcalde, Salvador González Solla, Compromiso vese na obriga de denunciar dita irregularidade ante o ministerio fiscal.   E poder velar pola legalidade, intentando que se depuren responsabilidades sobre este asunto.

Durante varios días, e logo de varias advertencias de Compromiso de que faltaban eses cartos na conta municipal, unha nova irregularidade cométese no trámite destes cobros.  Pois un “anónimo” fixo ingresos de parte do diñeiro das taxas nunha entidade bancaria, non habilitada para eses cobros
Neste momento o PP toma medo, e monta un “paripé”. Abre un expediente disciplinario ao traballador municipal tachando os feitos de “distracción indebida”. Proceso no que nunha nova burla a intelixencia dos veciños, instrúe Belén Villar, parte implicada no asunto, ao ser a concelleira e máxima responsable da área económica do concello. A sra. Villar pretende ser xuíz e parte neste caso, algo eticamente reprobable.

Pretendendo facer parvos os veciños e veciñas, o goberno tacha a infracción de “distracción”, cando o traballador presuntamente fixo cobros de maneira irregular e de maneira continuada, sen intención de reintegralos nas contas municipais, de maneira que todos eses cartos, andarían aínda distraídos se non fora porque Compromiso non deixara que morrera o conto.
O PP, no seu afán de agochar tales feitos, busca todas as artimañas posibles para que o asunto quede nunha pena ridícula, nun tema de tal gravidade, e cando a dia de hoxe aínda hai cartos que están sen ingresar.
O Partido Popular, xa non vai poder protexer máis a este traballador municipal porque, tal e como denunciara Compromiso, había moitos indicios de delito neste expediente, e así o comparte o fiscal, abrindo dilixencias de investigación penais sobre este caso. Polo que a partires de agora, xa será o xulgado o que resolva e depure responsabilidades.

Nesta semana, o concello veuse envolto nunha investigación policial no que foron requisados varios expedientes municipais, dada a posible vinculación de diferentes contratos e actuacións no caso de corrupción como é a “Operación Patos”. Entre a diferente documentación que se levaron, está o expediente das taxas, polo que ademais do fiscal, a xuíza instrutora do caso Patos, tamén ten sospeitas de que hai irregularidades neste asunto, de igual maneira que Compromiso ten manifestado dende fai meses.


O mantemento da estrutura de poder que ten o Partido Popular en Ponteareas, que nace nos anos sesenta, cando chega a alcaldía, José Castro, e que se levou por diante á toda a súa xunta de goberno, no famoso xuízo dos enchufados. E que agás un período de once meses, se mantén durante os últimos 45 anos, chega aos seu fin. De confirmarse todo, compre unha rexeneración democrática, non so de partidos, senón de persoas e de formas de facer política.

Sandra Araúxo Carballido


O citado artigo foi publicado no blog político dixital "Política Ahora" en http://www.politicaahora.com.
http://www.politicahora.com/unha-distraccion-indebida-no-concello-de-ponteareas-a-mans-dun-traballador-municipal-vinculado-o-pp-e-acip/

Ningún comentario:

Publicar un comentario